Modernidade artística con contagotas

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE

LEMOS

MACÍAS

A arte contemporánea ten unha limitada representación nos espacios públicos do sur lucense A escaseza do patrimonio actual contrasta coa abundancia do antigo

03 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

?s comarcas do sur lucense conservan, en mellor ou peor estado, un extenso patrimonio artístico das épocas máis variadas: románico, gótico, barroco... A presencia da arte contemporánea nos espacios públicos, polo contrario, destaca pola súa cativeza. Salvo contadas excepcións, nas localidades da zona apenas están representadas as tendencias artísticas propias da segunda metade do século XX e de comezos do século XXI. Nas prazas, parques e edificios públicos non abundan as esculturas e menos aínda as que responden ás tendencias máis actuais. Os murais, mosaicos e outras pezas susceptibles de exhibirse ao aire libre brillan pola súa ausencia. «Temos moitas cousas do pasado, pero a verdade é que o tempo presente está achegando ben pouco ao noso patrimonio artístico», opina a este respecto o escultor chantadino Primitivo Lareu, responsable do certame Chantarte, unha das escasas iniciativas realizadas na zona para paliar esta carencia. Sarria e Chantada son as localidades que contan cun maior número de esculturas contemporánas expostas en espacios públicos. En Monforte, en cambio, a ausencia é practicamente total, ao igual que sucede nos municipios máis pequenos. A escaseza de arte público moderno non parece deberse á falta de artistas encadrados nestas tendencias. No sur lucense hai artistas amplamente recoñecidos e unha mostra anual como Sarria contemporánea demostra que existe unha importante actividade neste terreno. «Nas localidades da zona hai bastantes artistas que fan cousas interesantes, uns máis novos e outros xa máis experimentados, pero todos eles teñen que buscarse a vida noutros lugares, porque aquí non é precisamente onde máis se move a arte», afirma Primitivo Lareu.