Crónica | Educación ambiental nun centro de ensino de Monforte O instituto monfortino convidou a estudantes de catro nacionalidades a participar nun certame galego de utilización artística de materiais de refugallo
31 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.?os corredores do instituto monfortino da Pinguela poderá verse durante a próxima semana unha singular exposición. Pezas de carácter artístico, maquetas e múltiples utensilios fabricados con materiais de refugallo polos alumnos do centro, entre as que abundan os alardes de enxeño e de destreza: un pavo real feito con cabelo humano, un destilador de auga fabricado cunha lupa e unha caixa vella, un lapis elaborado cun pau e restos de pintura de cera... Así ata cerca de corenta pezas, realizadas por 98 alumnos divididos en dezaoito grupos. A exposición forma parte da mostra Arte de sobra , na que A Pinguela participa xunto con outros dez centros de ensino repartidos por toda Galicia. O obxectivo, fácil de imaxinar, consiste en familiarizar aos rapaces coa cultura da reciclaxe. En total son cincocentos os estudantes que toman parte no certame, durante o cal seleccionaranse 36 obras que serán expostas en febreiro no Museo do Pobo Galego, en Santiago. O instituto monfortino fixo unha contribución especial a esta iniciativa, promovida pola Consellería de Medio Ambiente e as sociedades Sogama e Ecoembes. A Pinguela convidou a participar na exposición a catro centros educativos estranxeiros cos que mantén relacións regulartes a través da Rede Iberoamericana e do Caribe de Educación Ambiental (Riaca). Os alumnos destes institutos -ubicados en Portugal, México, República Dominicana e San Vicente e Granadinas- elaboraron as súas propias obras con materiais reciclados e enviaron fotografías dos seus traballos a Monforte. As imaxes poden verse na páxina web do instituto, no enderezo www.apinguela.com. A idea dos estudantes e profesores monfortinos conseguiu darlle así unha dimensión internacional ao certame, merecen do as felicitacións dos seus organizadores.