? feito de que un dos concelleiros do PP, José Javier Santiso, sexa ó mesmo tempo médico e responsable dos dous centros de saúde do municipio deu unha dimensión especial a certas partes do debate, aínda que tanto el como os portavoces dos outros grupos dixeron estar de acordo en que era necesario separar a cuestión sanitaria da discusión por motivos políticos. Santiso aludiu ó recente caso do falecemento dunha veciña do municipio cando era transportada de noite en ambulancia e dixo que, como médico, lle doeran os comentarios feitos a este respecto nos medios de comunicación por representantes do PSOE e do BNG. Engadiu que xa está aberta unha investigación para determinar se neste caso se produciu algunha neglixencia e insistiu en que a mellor maneira de subsanar posibles fallos deste tipo é presentar reclamacións ós responsables sanitarios. Asimesmo, criticou ó edil do BNG, Orlando Álvarez, por ter comparado a situación do Courel con Chernóbil. «Non sei se esas declaracións animarán a moita xente a vir ó Courel», dixo. «A xente ben entendeu o que quixen dicir», replicou o aludido Pola súa parte, o concelleiro nacionalista sacou a relucir a súa experiencia como paciente para defender o seu punto de vista crítico sobre o funcionamento do servicio sanitario nocturno no municipio. «Tiven un amago de infarto cerebral e cando chamei ó 061 para que me viñeran buscar, estiveron regateándome o servicio a pesar do seria que era a cousa. Chegaron a preguntar se a miña muller non me podería levar no coche ata Quiroga», dixo. «Xogar á lotería» Na opinión do edil do BNG, estes casos son moi frecuentes no municipio e demostran que os veciños do Courel están «totalmente desprotexidos» durante a noite e que «a partir das dez, chamar ós servicios médicos é como xogar á lotería». Orlando Álvarez afirmou ademais que a súa formación política «non está en contra do persoal sanitario do municipio, pero este persoal non debe prestarse a facerlle o traballo sucio á Xunta».