Entrevista | Francisco Vázquez O chantadino Francisco Vázquez inventa no seu segundo libro un territorio de lenda para un relato de aventuras épicas pensado para rapaces e con guiños adultos
02 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.?rancisco Vázquez ten 47 anos e leva case vinte en Muros, pero aínda pensa en chantadino. Quizáis é por iso que na súa Crónica de Ofiusa o mar non aparece por ningures. Non hai mar no mapa que abre o libro, pero si topónimos de inspiración fácilmente recoñecible na comarca de Chantada. O detalle do mapa fai pensar inmediatamente na triloxía de Tolkien. O autor recoñece esa influencia, pero tamén á do resto dos clásicos da literatura fantástica. -¿Xa foi ver ó cine o final de « El señor de los anillos» ? -Fun. E decepcionoume. Penso que esta é a peor das tres e que desmerece a obra de Tolkien. Sóbralle metraxe e escenas bélicas, e nótase demasiado o abuso da pirotecnia dixital. -¿Canto lle debe a Tolkien esta «Crónica de Ofiusa» ? -Débelle a todo tipo de literatura fantástica e mitolóxica; a Tolkien, a Ende, á mitoloxía tradicional galega, a Cunqueiro no seu sentido humorístico, e tamén a Ana María Matute, que é a miña debilidade. -Vostede traballa en Muros como profesor de literatura nun instituto. ¿Por iso fixo unha novela xuvenil? -Non ten que ver. A novela está publicada na colección Doceporvintedous da editorial Sotelo Blanco. Está destinada ó público xuvenil, pero ten varias lecturas posibles: é unha novela de aventuras, pero tamén de iniciación á vida e mesmo de recreación mítica de Galicia. Poño unhas poesías que abren e pechan a novela un pouco na liña de Ferrín. -¿Ofiusa é Galicia, entón? -Ofiusa é unha recreación da Galicia ocupada. O nome tomeino da descripción que fai o historiador romano Avieno dos pobos do noroeste da Península no século IV antes de Cristo, que tiñan como tótem á serpe. -Por certo, ¿que len os seus alumnos? -Hai quen me critica por non meterlles clásicos, pero é que non lles quero poñer cousas como El Lazarillo de Tormes ou o Mío Cid e correr o risco de que por iso acaben rexeitando a lectura. Prefiro Manolito Gafotas , pola linguaxe coloquial e con xiros cercanos ós que eles utilizan; ou La tejedora de la muerte , unha de terror moi cinematográfica. -Esta é a súa segunda novela. A primeira publicouna hai 21 anos. ¿Por que tanto tempo entre unha e outra? -Para facer a Crónica de Ofiusa partín dun esquema preconcebido e moi claro, e funo desenvolvendo moi lentamente. Levoume seis anos, é unha novela traballada sen presa e palabra por palabra, de lectura lenta, demorada. -A súa primeira novela, «A chazca», non ten nada que ver con ésta. -Non. A chazca falaba de persoaxes reais de Chantada nos tempos da guerra do 36. Aquela era unha novela adulta, contemporánea, incluso experimental. Fíxena con 20 anos e o certo é que igual quixen abarcar demasiado, pero un sempre está contento coa súa obra, porque nela hai horas de traballo, hai cariño... -¿A seguinte a cal se parecerá máis? -De facela, sería unha novela contemporánea, con lugares e persoaxes reais. Pero para iso necesito o consentemento deses persoaxes.