A TRIBUNA | O |
17 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.AUTOVÍA SI, autovía non, autovía quizá... O debate sobre a autovía a Nadela, que causa estragos en Sarria desde hai bastantes meses, agora tamén está a repercutir en Monforte. E é de supoñer que a polémica continuará recrudecéndose e subindo de ton tanto na comarca de Sarria como na de Lemos, debido á crecente proximidade das eleccións xerais do ano próximo. No ano 2004, por tanto, seguirase a discutir intensamente sobre cal é a solución máis axeitada para favorecer o tránsito de coches, camións e autocares entre as zonas sur e centro da provincia. Un problema herdado do século pasado e que, tal como están as cousas, é probable que siga sendo obxecto de discusión no 2005, no 2006... Se a situación non evoluciona máis depresa, cando estas terras conten por fin con tódalas vías de comunicación que agora se consideran necesarias para o seu desenvolvemento, todas esas estradas e autovías xa non serán necesarias: é posible que daquela os automóbiles xa non circulen por terra. A fin de contas, non falta tanto para o 2019, un ano no cal está previsto -como se ve en Blade runner - que haxa automóbiles voadores.