?enón Somodevilla y Bengoechea, marqués de La Ensenada, foi ministro de Facenda entre 1743 e 1754, no reinado de Fernando VI. Desde este cargo intentou levar a cabo unha ambiciosa reforma fiscal que consistiría en implantar en tódalas provincias da Coroa de Castela unha contribución única e en reducir os múltiples tributos locais entón existentes. O seu obxectivo era reducir a presión fiscal sobre o consumo e sobre as transaccións comerciais, gravando máis as propiedades agrarias. A profunda reforma proxectada polo ministro de Facenda non chegou a cumprirse debido á forte oposición que despertou entre a aristocracia e o clero -os grandes terratenentes da época-, pero gracias a esta iniciativa realizouse un censo exhaustivo que hoxe serve para coñecer o estado que presentaban naqueles tempos tódalas poboacións do reino. O sacerdote e historiador Jesús Gómez está realizando actualmente un estudio histórico sobre o municipio do Incio baseándose nos datos recopilados neste censo. ? servicio de publicacións da Deputación provincial ten previsto editar en breve prazo un libro que recolle boa parte dos datos sobre as parroquias de Sober que figuran no histórico catastro do marqués de La Ensenada, realizado nas terras deste municipio entre 1752 e 1753. Nestes documentos figuran numerosas informacións que permiten reconstruír múltiples aspectos da vida social e económica de Sober hai dous séculos e medio. O proxecto comezou cunha recopilación dos datos relativos á parroquia de Proendos, que foi publicada hai tempo en forma de folleto pola asociación local de veciños. O entón edil de Cultura, Luis Fernández Guitián, suxeriu ós autores deste traballo, Manuel González e Alfonso Campos, que o ampliasen ó resto das parroquias do municipio. O libro O catastro de Ensenada nas parroquias do Concello de Sober consistirá principalmente nunha transcrición literal de documentos extraídos do histórico censo, realizada por Manuel González. Estes textos complementaranse con varios apéndices explicativos sobre a división administrativa do municipio na época en que se elaborou o catastro e sobre o vocabulario técnico utilizado no século XVIII. Por outro lado, o coñecido escritor Gonzalo Navaza redactou un prólogo no que se ofrece unha ampla introducción histórica. Exemplo para outros Manuel González puntualiza que o traballo consiste unicamente na reproducción de documentos da época, sen estudiar ou interpretar os datos que conteñen. Por outro lado, González espera que a iniciativa anime a outras persoas a rescatar e publicar tódolos datos relativos á provincia de Lugo que figuran neste catastro.