A identidade nunha pousa

La Voz

LEMOS

Terra Adentro A Asociación Barcas do Miño de Chantada fixo este domingo a botadura dunha barca tradicional coa que queren recuperar o paso de Porto a Sardiñeira

29 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

Domingo, 28 de setembro de 2003, 15.30 horas, encoro de Belesar. Unha barca de pousa ascende o curso do Miño. Non son arrieiros, nin están salvando a distancia entre dúas ladeiras irremediablemente separadas polo auga. Agora hai estradas que solucionan eses inconvenientes; e motores e poliéster para sustituir ós remos e a madeira de castiñeiro coa que está feita a embarcación. Segundo o historiador Xose Manuel Vázquez, o que motiva este neocronismo é recuperar o que foi un símbolo da identidade da Ribeira Sacra lucense. E, sobre todo, dotalo dunha nova utilidade que permita que a cultura sexa economicamente autosostible e (¿por que non?) dar beneficios. Ribeira de Sabadelle, 17.30 horas, Cristina, Tino, Xabier e Anxo chegan na barca. Na beira agardan, entre outros, Primitivo, Carlos, Rodrigo e Xose Manuel, membros tamén da Asociación Barcas do Miño. Primeira parte da aventura resolta. O paso de Porto A segunda parte consistiu en cubrir o traxecto de Porto, na ribeira chantadina, a Sardiñeira, no Saviñao. Un antigo paso fluvial que era parte do camiño real interrumpido polo Miño xa antes de que estivese encorado. A asociación quere recuperar o traxecto como unha ruta turística que destaque ás barcas como parte do folclore chantadinos. Os improvisados barqueiros rematan a xornada merendando na adega de Lareu, en Sabadelle. A barca xa está varada no seu novo peirao, no final forzoso dun antigo camiño asolagado polas augas. Está esperando a que casas rurais, adegas e institucións decidan que merece ser unha das protagonistas dese turismo de calidade do que tanto se fala e polo que se fai tan pouco. «Batalliñas» Este sábado celebrouse no Restaurante El Castillo de Monforte a cea anual dos quintos de 1950. Unha reunión ininterrumpida dende 1991 e que nesta edición congregou a medio centenar de veteranos coas suas respectivas compañeiras. A quinta do 50 preocúpase de darlle continuidade a unha cea que noutros casos (quintas, quero dicir) celébrase esporadicamente. Apostamos a que as batalliñas da mili protagonizaron as conversas da velada.