Moito frío para pouca romaría

La Voz C.?T. |TABOADA

LEMOS

RAFA PRADO

As corenta e dúas fachas queimadas esta ano reuniron pouco público en Castelo A chuvia mermou a asistencia ás tradicionais citas relixiosas e festivas do 8 de setembro

08 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

Ás once da noite do domingo, as corenta e dúas fachas que coroaban o castro de Castelo xa ardían. Estas antorchas de ata dez metros de altura, feitas con agucios, serven para anunciar as numerosas romarías dos Remedios do día seguinte, ou iso conta quen trata de explicar o motivo da súa existencia. O que explica que asistira menos xente que outros anos é máis sinxelo, ía frio. No monte do castro reuníronse o domingo algo máis de cen persoas que desafiaron a escuridade e o mal tempo para non faltar a un rito que para os novatos segue resultando misteriosamente pagán. Outros anos, o alto do castro chegou a estar ocupado por medio millar de personas, con banda de gaitas incluída. Nesta ocasión, tres rapaces do pobo achegaron máis intención que arte con dúas gaitas e un bombo para que a pesar do pouco público non se perdera emoción. «O lume das fachas vese dende León», asegurou un veciño que ante o desconcerto de quen o escoitaba argumentou: «dixéronno no xornal». Á pregunta de se é complicado atopar estes agucios outro veciño, Raúl González, negouno con rotundidade. El mesmo fixo dazanove fachas e xa ten o material para catro do ano próximo. Actitudes así aseguran tradición para longo.