Dereitos en perigo de extinción

C. de la Torre ESCAIRÓN

LEMOS

RAFA PRADO

Reportaxe | A problemática do centro de educación infantil e primaria de Currelos Este colexio do rural ten que equilibrar cada ano dúas realidades confrontadas, a perda de alumnos e a conservación do dereito a unha educación próxima e de calidade

02 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

Catro autobuses encárganse do servizo escolar do CEIP de Currelos, pasan por 22 lugares diferentes e recollen 35 nenos de entre 3 e 11 anos. A ruta do transporte escolar desta parte do concello de O Saviñao resultaría anecdótica senon fose pola recente reducción do número de docentes do colexio de Currelos. A asociación de pais de alumnos sospeita que a intención real da Xunta é pechar o centro pero eles farán o posible para manter a calidade do ensino dos seus fillos. Segundo o presidente da APA, Jose Luis Sousa, non se pode garantizar a calidade da educación cando se xuntan tres cursos nunha mesma aula. A Consellería de Educación decidiu que este curso 2003-2004, os 35 alumnos do colexio fosen distribuidos en tan só tres aulas. Unha para infantil e dúas para primaria. Isto significa que os rapaces de 6, 7 e 8 anos (ademais dos posibles repetidores) estarán nunha clase compartindo profesor e os de 9, 10 e 11 anos noutra. Seis alumnos menos O curso pasado abandonaron o centro doce alumnos para empezar a secundaria en Escairón e neste curso comezarán seis novos. Esta perda global de seis matrículas motivou a reestructuración das aulas e a eliminación de tres prazas de profesores. O cambio principal é que no curso anterior primaria estaba organizada en catro aulas, a clase de 1º e 2º, a de 3º e 4º, e xa por separado as aulas de 5º e 6º. Ademais de un titor por curso, o centro contaba cun profesor de ximnasia, outra de inglés a media xornada e a directora. En total un equipo de oito docentes. Para organizar a docencia con criterio, o horario das clases desdobrábase para que os alumnos recibiran a docencia das materias co nivel correspondente á súa idade. Tres profesores menos Este ano son a metade de profesores así que estes desdobramentos xa non serán posibles. A directora do centro, Aida Diéguez, será quen supla ó profesor de ximnasia (que se ocupará de 1º, 2º e 3º) cando teña que dar clase ós maiores. Fará o mesmo co outro grupo cando o profesor especialista en educación terapéutica, teña que atender ás necesidades específicas dalgúns alumnos. O papeleo e a xestión do centro (incluído o comedor) tamén están ó seu cargo. E iso coa súa praza suprimida de xeito provisional. «O peor pode ser se algún de nós enferma e colle unha baixa porque estamos os xustos» comentou a directora e engadiu que «a situación ideal sería unha división dos cursos en tres ciclos e non dous». Os pais dos alumnos saben que un colexio do rural non é rendable pero tamén teñen claro que é un servizo ó que teñen dereito e loitarán por conservalo. Jose Luis Sousa, presidente da APA, asegura que irán onde faga falta para conseguir máis profesores e unha mellor distribución dos cursos. Ó seu entender, a consellería actuou con oscurantismo aproveitando as vacacións escolares e opina que «as medidas da Xunta son reversibles este ano. Se eles queren, claro».