Os Brandián voltaron a casa

C. de la Torre CHANTADA

LEMOS

Crónica | Primeiros actos das festas de Chantada Os concertos na praza Lama das Quendas abriron o venres a programación específica dos festexos do Carme. Jazz e folk con diferentes niveis de ortodoxia foron os protagonistas

23 ago 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

Teñámola festa en paz. Iso deberon de pensar algúns cando, dende o escenario da Lama das Quendas, o grupo local de folk Brandián lle adicou unha canción ás vacas que hoxe quedarían viuvas trala novillada ou cando marcaron unha percusión a golpe de cachas (literalmente). Antes tocaron un dúo de jazz, ou máis ben bolero-jazz, da Coruña e as pandereteiras de Mariz e cando lles chegou o turno o ambiente xa estaba algo animado. O público, escaso ó principio e enchendo a praza no ecuador do festival, sabía que darían espectáculo e ritmo, e niso non defraudaron a ninguén. O ano pasado fixeran unha actuación paralela ás das festas pero nesta edición voltaban á programación oficial. A súa curiosa entrada, ataviados con traxe e gravata e tocando unha peza polo medio da praza, recordaba, sen ánimo de pedantería, a unha banda xitana ó estilo dunha película de Kosturica. E aínda que semellaba que despois desa aparición a cuestión do espectáculo sería dificilmente superable, durante o concerto esforzáronse para mante-la festa. Pezas animadas, alocucións con sorna do mestre de ceremonias e colaboracións de amigos demostraron que xogar na casa é máis fácil. Eles polo menos parecían cómodos e o público recoñeceu a súa entrega bailando ata o final. A muiñeira de Chantada, solicitada por moitos, non sonou. Os Brandián voltaron a casa... ¿para quedarse?