A TRIBUNA LUIS DÍAZ | O |
21 ago 2003 . Actualizado a las 07:00 h.NA HISTORIA máis recente de Galicia, os grandes acontecementos distínguense pola presencia do sufixo ada . Políticos e demais forzas vivas -rebautizadas como axentes socioeconómicos- ensaian xestos trascendentais para anunciar pancetadas, churrascadas, pulpadas, sardiñadas, festas da empanada, e, por suposto, queimadas. Sorprende o inxenio e a dilixencia que despunta neste país cando de argallar algo comible ou bebible se trata. E non digamos se a paparotada ten dimensións desproporcionadas. Non haberá acordo na mellor maneira de enlazar Monforte coa N-120, nin forma de que os hostaleiros colaboren economicamente nas festas a cambio de invadir as rúas de terrazas. Pero reunir 1.100 litros de augardente para que unha queimada entre no libro dos récords, discorrer o cacharro axeitado para preparala e atopar voluntarios dispostos a xogarse o tipo remexendo no lume é pan comido. Nun relato de Manuel Rivas, un conselleiro tamén enche de augardente o embalse de Portomarín para que o presidente acenda a maior queimada da historia. Non entro en máis detalles do conto por non dar ideas. Come e non penses, que é o seu.