?n equipo de biólogos que traballa nun proxecto de investigación medioambiental financiado pola Xunta ten localizado nos tramos inferiores do Cabe tres das catro especies máis raras de libélulas coñecidas en Galicia. O director do proxecto, Adolfo Cordero Rivera, profesor da Universidade de Vigo, considera que esta circunstancia fai do Cabe unha reserva biolóxica de excepcional valor no que respecta ós proxectos de conservación destas especies. «O río Cabe é o único lugar de Galicia onde se localizaron ó mesmo tempo poboacións de Gomphus graslinii , Oxugastria curtisii e Macromia splendens , tres especies de libélulas que están protexidas polas normas da Unión Europea por ser particularmente raras e escasas », sinala Cordero, quen participou a semana pasada no curso de verán sobre a conservación dos recursos naturais organizado pola Universidade de Santiago en Seoane do Courel. Destas tres especies, ó seu parecer, a máis interesante pode ser a Macromia splendens , unha das libélulas europeas de maior tamaño, que unicamente está presente en Galicia e en certas áreas de Portugal, Andalucía e o sur de Francia. A cuarta especie de libélula presente en Galicia e protexida pola UE denomínase Coenagrion mercuriale e ata agora só foi detectada nas zonas costeirras da comunidade. Cando termine o seu proxecto de investigación, o equipo científico dirixido por Adolfo Cordero recomendará incluír oficialmente os últimos tramos do Cabe nas áreas especiais de protección de insectos raros e escasos da comunidade galega. Non obstante, o biólogo puntualiza que as medidas de conservación que poidan tomarse por este motivo non implicarán ningunha alteración nos usos tradicionais do río da das súas marxes. «Se estas especies tan pouco comúns se conservaron aí ata agora, é que as cousas non se fixeron mal», comenta ó respecto. Estado dos ríos En opinión do biólogo, a existencia deste santuario de libélulas raras no Cabe é unha das probas que demostran que o estado de conservación dos ríos do interior de Galicia é aínda bastante satisfactorio, pese a todos os problemas medioambientais que poidan existir. «Desde un punto de vista xenérico, os ríos están bastante ben e desde logo están mellor que moitas zonas fluviais de Europa onde a vexetación nativa está destruída na súa maior parte e onde os leitos dos ríos foron convertidos en simples canais de cemento», sinala. Segundo Adolfo Cordero, os principais problemas que padecen hoxe os ecosistemas fluviais da zona son debidos os encoros hidroeléctricos. «A contaminación pode afectar en determinados períodos a algúns puntos máis ou menos reducidos, pero os encoros alteran totalmente o entorno natural e provocan problemas moi serios para a conservación das especies animais e vexetais», afirma. O científico cre por outra parte que estas alteracións ecolóxicas causadas polos encoros son «un problema moi difícil de solucionar», pero engade tamén que «é preciso esforzarse ó máximo para encontrar a maneira de compatibilizar os modernos usos económicos dos ríos e a conservación do seu patrimonio natural».