«Agardo que Diz non se desdiga e se celebren as subastas de gando»

La Voz J.?M. LÓPEZ | LUGO

LEMOS

ÓSCAR CELA

Entrevista | Antonio Gato Soengas O rexedor monterrosino destaca a construcción do polígono industrial na villa de 155.000 metros cadrados, polo que xa se interesaron varias empresas de servicios

08 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

Antonio Gato Soengas iniciou un novo mandato á fronte do Concello de Monterroso con moitísima ilusión. É consciente da gran oportunidade que ten a localidade para engancharse ó tren do desenvolvemento, polo que vixiará polo cumprimento de tódolos plans e dos investimentos prometidos polos responsables das diferentes administracións. -Nos próximos anos prestaremos moita atención á construcción do polígono industrial, cunha superficie de 155.000 metros cadrados. Xa está comprado o noventa por cento da superficie necesaria, e para o resto dos terreos teremos que iniciar os pertinentes procesos de expropiación. Varias empresas de servicios xa amosaron o seu interese por instalarse na zona. Non nos deteremos só no que nos pidan, senón que faremos unha xestión activa de promoción desta área empresarial. -¿Que infraestructuras se crearán para atender as necesidades da poboación? -É importante a construcción do centro de día, que remataremos e poñeremos en funcionamento moi axiña despois dun investimento de 108.000 euros. Non me quero esquecer das quince vivendas sociais, que beneficiarán ás persoas da vila con menos recursos económicos. -¿Cales serán as melloras que se executarán nas rúas e prazas do casco urbano? -Remodelaremos e rehabilitaremos as prazas do conselleiro Fernando Salgado e do alcalde Antonio Rojo Losada. Tamén dotaremos de tódolos servicios e de novas beirarrúas á avenida da Coruña. -¿Cal é a oferta cultural do Concello de Monterroso? -Facemos unha programación mensual. Acabamos de organizar a primeira Semana de Estudios Celtas e o 10 de agosto será o cuarto Festival de Bandas Populares. A nosa programación é das máis atractivas que se fan noutros moitos concellos galegos. -¿Cómo están as negociacións para a celebración de subastas no recinto feiral? -Debemos chegar axiña a un acordo coa Consellería de Política Agroalimentaria. Nós xa demos os pasos necesarios, e Juan Miguel Diz Guedes comprometeuse a facelo diante dun milleiro de veciños de Monterroso hai ano e medio na inauguración do recinto feiral, e renovouno durante a campaña electoral. -¿Ten algunha dúbida de que non se vaia cumprir? -Agardo que Diz non se desdiga e se celebren as subastas de gando. Estou seguro de que non dará marcha atrás e que en pouco tempo se firme o convenio entre o Concello e a Xunta para prestar este importante servicio ós gandeiros. Elo servirá como revulsivo económico da vila e completará o excelente funcionamento deste recinto, no que se desenvolve o mercado do primeiro de mes e os de Santa Lucía, cos productos de calidade. Neste sentido, estamos orgullosos de levantar unha feira desaparecida.