Inquietude nas beiras do Cabe

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE

LEMOS

O posible impacto das obras de acondicionamento provoca receo en diversos sectores A reforma non integra ben ó río na trama urbana, di o arquitecto López Otero

07 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

? cariz que toman as obras de acondicionamento do tramo urbano do Cabe resulta algo preocupante para moitos dos veciños que observan a diario a marcha dos traballos e ven como os muros de contención da marxe dereita chegan a tocar as pedras centenarias da ponte vella. Pero ademais da inquietude que poden suscitar estas obras no que respecta á conservación do patrimonio histórico -xa expresada a título particular por algúns integrantes da recén creada asociación Amigos do Patrimonio de Lemos-, desde outros puntos de vista existe tamén o temor de que o proxecto de reforma das marxes non consiga reintegrar satisfactoriamente a zona fluvial no entramado urbano e na vida cotiá monfortina. Tal é o parecer do arquitecto Xosé Lois López Otero, ex director da escola obradoiro local, quen opina que o impacto visual dos muros de formigón na ponte vella «non é máis que a parte máis evidente dun erro de planificación que afecta a toda a zona onde se realizan as obras, e sobre todo ó Malecón». Este problema, ó seu parecer, débese a que «só se tivo en conta o criterio hidráulico, a necesidade de canalizar asas inundacións, e deixouse por completo de lado a necesidade de crear un espacio agradable». Plataformas de paseo Segundo López Otero, «en calquera proxecto que actúe sobre o tramo urbano dun río hai que ter en conta como se integra o río nos bordes do espacio urbano. Neste caso, só se crearon dúas plataformas de paseo e non se buscaron outras posibles solucións para integrar o río na trama urbana como espacio de lecer. Por exempleo, facilitando o seu uso como praia fluvial, porque un paseo non ten por qué ser a única opción», agrega. O arquitecto puntualiza que o tramo ubicado entre a ponte vella e a ponte nova pode ser moito máis dificultoso neste aspecto, debido ós numerosos edificios que se levantaron nas marxes nesa zona. «Pero no Malecón puido terse buscado unha solución máis branda e integradora e non se fixo», engade. Outra cuestión diferente, apunta o arquitecto, sería a de adecentar as fachadas de moitos edificios que dan sobre o río e que actualmente presentan un aspecto moi pouco estético. Na opinión de Xosé Lois López, as obras que se levan a cabo actualmente no Cabe teñen un paralelismo coa reforma do paseo do Malecón que executou a Xunta na pasada década. «Naquel caso, só se buscou resolver un problema de tráfico na cidade, que non era o problema propio do Malecón, e simplemente converteuse nunha estrada con beirarrúas o que era ante todo unha zona de paseo e que o debería seguir sendo», afirma. Polo que respecta ó proxecto actualmente en curso, o arquitecto monfortino di sentirse decepcionado polos seus resultados. «Monforte leva moito tempo vivindo de costas ó río e esta reforma non nos resolverá ese problema», opina.