«Agora síntome o dono da miña acta de concelleiro, e non penso dimitir»

Carlos Cortés
Carlos Cortés MONFORTE

LEMOS

Entrevista | Celestino Torres O ex alcalde di que no pleno do sábado limitouse a cumprir co mandato dos electores e da asamblea da CNG. Anuncia que fará unha oposición «en positivo»

17 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

?elestino Torres non se ten por un tránsfuga. Cando votou polo candidato á alcaldía do BNG limitouse, afirma, a cumpir co mandato da asamblea do seu partido e co que agardaban os máis de 2.000 monfortinos que votaron por el e os seus compañeiros. O seu voto será clave durante estes próximos catro anos. Para quen teña algunha dúbida, Celestino Torres anuncia que non renunciará, que se integrará no grupo mixto, que non pactará ningún acordo de goberno con tándem BNG-PSOE e que fará unha oposición «constructiva e en positivo». O ex alcalde anuncia, ademáis, que non pensa polemizar máis sobre o resultado das polémicas negociacións entre Iniciativa Galega e o PP. -¿Ten pensado dimitir como concelleiro antes de rematar este mandato? -Eu ofrecín a miña acta de concelleiro á asamblea que se celebrou o mércores da semana pasada, porque o PP esixía a miña renuncia a cambio de pactar. Dixen que non quería ser un obstáculo. E os asistentes respostáronme que non o fixese. Polo tanto, eu agora síntome dono da miña acta e digo claramente que non penso dimitir. Considérome completamente lexitimado no meu escano no Concello. -Compartirá grupo con Lucía Vázquez e Raquel Álvarez, as outras dúas concelleiras elexidas por Iniciativa Galega? -En principio non tiña inconveniente ningún en estar no mesmo grupo que elas, pero falámolo e decidimos que era mellor evitar friccións ou desavenencias. Así que xa estou adscrito ó grupo mixto. -O seu voto dará e quitará maiorías absolutas. ¿Admite a posibilidade de pactar coa coalición BNG-PSOE? -Pola mesma razón que votei a Severino Rodríguez na investidura, non entrarei nese goberno nin pactarei con ese goberno. A asamblea do meu partido decidíu que non houbese pacto co PP, pero tamén que votase ó candidato do BNG manténdonos na oposición. E iso farei, porque eu cumpro o que digo. A miña oposición será constructiva e en positivo. Apoiarei o que estea ben e rexeitarei o que non estea ben. -¿Que sente cando o chaman tránsfuga? -Nin me vai nin me ven. Eu votei o que me dixo que votase a asamblea do meu partido. -Pero Lucía Vázquez di que ó día seguinte houbo outra asamblea de Inga que decidíu todo o contrario. -Para empezar, Inga só existe como partido porque están rexistradas as siglas e porque hai un coordenador provincial. Pero non ten militantes, nin fixo unha asamblea constituínte, así que non vexo como pode organizar asambleas locais. Aquí o que existe é a Converxencia Nacionalista Galega, que no seu momento acordou ir ás eleccións con Inga, que como era algo que ía xurdindo noutros sitios intentouse ver se había algúnha oportunidade de ter representación na Diputación. Pero aquí foi a CNG a que acordou ir ás eleccións e a que buscou candidato. -¿A asamblea á que vostede di que fai caso foi, polo tanto, unha asamblea da CNG? -Como todas as que houbera ata entón. Logo das eleccións, eu vin claro que se producía unha situación de moita responsabilidade e por iso quixen dende o primeiro que participase en todo a nosa xente. A asamblea da CNG marcou as liñas mestras e delegou a negociación en Manolo Carballo. Empezouse a falar co BNG, pero a actitude deste partido non gustou á asamblea e na segunda xuntanza decidíuse paralizar a negociación. Daquela xa había unha oferta recollida por Carlos Somoza do PP, que ofrecía a alcaldía, o goberno e o que fose. A min viñéronme a ver dous conselleiros e confirmáronme eses extremos. Eu díxenlles que a decisión era da asamblea e que Carballo era quen levaba a negociación. Logo resultou que o de entregar a alcaldía e o goberno non era exactamente así. O que o PP propoñía en realidade era un pacto, porque eles reclamaban presencia no goberno, querían determinadas concellerías. -¿Eses conselleiros dixéronlle que tiña vostede que renunciar a seguir na corporación? -Non. Carballo chamoume para dicirme que tiña a negociación parada porque pedían iso e propúxome que aceptase esa condición sen consultar coa asamblea. Díxome que se o plantexaba non o ían aceptar, e que non tiña porque renunciar inmediatamente. -¿O PP garantíu tamén obras a cambio dese pacto? -Cando consultamos á asamblea se negociabamos co PP, a asamblea dixo que si sempre que o PP garantise que no acordo entraría un compromiso de investimento. No PP dixeron que si, pero na primeira reunión deles con Carballo non propuxeron nada en concreto. Así que entre Carballo, Carlos Somoza e eu fixemos un listado rápido con 14 proxectos importantes. E eles dixeron que si a todo. No acto. Así que Carballo quedou para o xoves, o día seguinte á nosa asamblea, para falar con Nazario Pin sobre o reparto de concellerías. -¿Sen non lle chegan pedir a renuncia, apoiaría vostede o pacto co PP? -Eu estaría ó que decidise a asamblea. Persoalmente, penso que pactar co PP podería traicioar o que os nosos electores agardaban de nós. Pero é que xa me comprometera a aceptar o que dixese a asamblea. -¿Por que non foi a asamblea do xoves? -Na reunión do mércores tomáronse decisións que todos os presentes entedemos como definitivas. Carballo explicou que a miña dimisión era unha esixencia «sine qua non» do PP, e que se non aceptabamos non había acordo. Non me parece serio que ó día seguinte digan que renuncian a iso. E así llo dixen a Palmou, que me chamou. Consultei con xente da CNG o xoves ó mediodía e estiveron dacordo comigo. Con todo, a esa reunión foi algunha xente da CNG que se marchou sen participar porque alí viron a cantidade de xente que nunca pisara a nosa sede nin tiña nada que ver coa CNG.