Terra adentro Tele20 de Chantada convoca un casting para a serie Cabo do Mundo, seguro que algún dos alumnos de A Pinguela que desfilaron o sábado estaría interesado
10 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.?s rapaces de 4º de ESO do instituto A Pinguela de Monforte tómanse tan en serio a súa excursión de fin de curso que non dubidaron en lanzarse ás pasarelas. Así, o pasado sábado organizaron un desfile na discoteca Delirio con cheo absoluto de público. Os comercios do centro de Monforte puxeron a moda e eles, o estilo. Os xoves desfilaron con roupa deportiva, modelos de noite, lencería e roupa de baño diante das duascentas cincuenta persoas que conseguiron reunir. O recadado no desfile achégaos máis e mellor dotados (de cartos, se entende) á viaxe que teñen programada á costa valenciana e durante a que visitaran á Cidade das Artes e das Ciencias da capital, o parque Terra Mítica de Alicante e as praias de Gandía. Bon Voyage. Cartel artesán Onte presentouse en Expolemos o cartel definitivo que anunciará a feira de artesanía organizada pola Fundación Comarcal Terra de Lemos. O cartel xa fora escollido mediante concurso o pasado 30 de maio, pero o xurado lle solicitara ó seu creador, o estudiante monfortino David Pascual Rodríguez, que modificara as cores. Artelemos convocará entre os días 8 e 12 de agosto a numerosos artesáns da comarca de Lemos. Moitos deles están xa a participar nestes días dunha exposición itinerante que está percorrendo os concellos de Monforte, Bóveda, A Pobra de Brollón, Sober, Pantón e O Saviñao. A televisión local de Chantada, Tele20, convocou para este sábado 14 un casting de actores para participar na serie de ficción Cabo do Mundo. A proba terá lugar nas instalacións da cadea e para participar débese de chamar ó teléfono 982.454.100 e concertar cita. Esta serie de dez capítulos, dos que xa se grabou un durante a Semana Santa, realízase ca colaboración da Faculdade de Cincias da Información de Santiago. As historias e personaxes están inspirados na cultura e tradicións da comarca de Chantada, e a cadea busca aactores que interpreten novos personaxes. Hoxe, os alumnos de 2º de ESO do instituto Daviña Rey de Monforte están de excursión na Coruña. A súa ruta de visitas é moi completa e comenzará nas instalacións centrais de La Voz de Galicia en Arteixo. Alí poderán coñecer as entrañas do xornal e visitar a colección do museo da Fundación Fernández Latorre. A seguinte parada será o Aquarium Finisterrae da Coruña para descubrir os secretos dos fondos mariños atlánticos. A tarde pasaranna no parque acuático de Cerceda e cara as dez da noite estarán de regreso en Monforte.