«Seguiremos traballando pola cidade»

La Voz E.?G.?S. | LUGO

LEMOS

A veterana concelleira nacionalista solicitará o reingreso no seu posto como funcionaria da Xunta de Galicia, en Servicios Sociais

26 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

O BNG acaba de perder tres concelleiros en Lugo. Ela encabezaba a lista á que os lucenses deron os votos suficientes para conseguir tres edís. A nacionalista Branca Rodríguez Pazos acusa o cansazo da campaña e duns resultados que non foron os que esperaba. Coa veteranía de quen ten xa ás súas costas unha longa traxectoría política, resposta ás preguntas, neste para ela difícil momento, sen afondar nos asuntos. -¿Que balance fai dos resultados agora que xa pasaron unhas horas desde que se coñeceron ? -Non fixemos balance aínda. En realidade estamos aínda descansando. Creo, como xa dixen, que fixemos un bo traballo, rigoroso e cogobernamos con lealdade; os resultados electorais son, evidentemente, pouco satisfactorios. Seguiremos traballando pola cidade desde á posición na que nos situaron os lucenses. -Desde o punto de vista da organización, ¿que vai pasar nos próximos días? -Agora terán que reunirse os órganos do Bloque Nacionalista Galego. Posiblemente será nesta mesma semana, para facer balance. Hai que analizar a situación no conxunto de Galicia. O que está claro é que nós mantemos unha base de traballo nas plataformas e os votos os levaron outros. -Persoalmente, ¿como encaixou o resultado? -Eu son unha persoa que xa leva tempo nestes temas. Non estou moi satisfeita, como pode comprender. Eso si, teño que agradecer ós militantes o traballo que fixeron durante a campaña, que foi moi boa. Polo demais, hoxe, como sempre, vin ó Concello as oito e media da mañá. -En funcións, pero aínda forman parte do goberno municipal. ¿Que papel xogarán ata a toma de posesión da nova corporación municipal? -Non tomaremos decisións; limitarémonos a firmar as cousas que temos pendentes, porque está clara cal foi a vontade dos electores deste municipio. -¿Volverá á función pública? -Claro, pedirei o reingreso na Xunta, en Servicios Sociais, onde presido un equipo de valoración de minusvalías. Como xa dixen seguiremos traballando por Lugo pero desde unha posición distinta. A veterana concelleira luguesa mantivo unha reunión cos membros do seu grupo municipal, no local que ten na casa consistorial. Tralo encontro, os edís en funcións do Bloque Nacionalista Galego foron tomar unha caña a un bar próximo ó pazo da praza Maior.