Sarria, con moitas letras

La Voz

LEMOS

Os actos celebrados con motivo do 17 de maio destacaron pola súa abundancia e orixinalidade na comarca sarriá, e contoron cunha alta participación

19 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

Non hai dúbida de que a comarca de Sarria ocupou un lugar destacado na celebración do día das Letras Galegas dentro do conxunto do sur lucense. Non só pola cantidade de actos programados polas asociacións culturais, senón tamén pola súa orixinalidade. En ningún outro sitio se celebrou unha cea cultural como a que houbo o sábado nos locais da sociedade La Unión , moi concorrido por certo. Nin se plantou noutro un Bosque das Letras como o inaugurado o domingo no casco antigo da vila, coa plantación dun ciprés e un carballo dedicados, respectivamente, ó padre Sarmiento e a Avilés de Taramancos. Este acto non foi tan multitudinario como o anterior, pero resultou particularmente emotivo. A min, polo menos, emociounoume escoitar ós portas Cesáreo Sánchez Iglesias e Estevo Creus recitar versos dos poetas galegos nun marco tan axeitado. Tamén destacou no seu interese polas letras galegas o instituto sarriao Xograr Afonso Gómez . Os profesores do centro organizaron unha exposición de libros galegos na que tiveron protagonismo as edicións máis raras ou curiosas, os exemplares de tamaños poucos habituais e os facsímiles. Das letras pasamos á música. Non podo nin debo deixar de mencionar o feito de que a Banda de Gaitas de Samos participou nos actos da Semana das Letras Galegas las localidades vascas de Llodio e Santurce, organizadas polas comunidades galegas alí asentadas en colaboración cos concellos. Están feitos todos uns embaixadores culturais estes gaiteiros de Samos. Recordarán que o sábado lles contamos que a agrupación cultural Castelao organizou unha cea no clube fluvial de Monforte. E que lles contamos que entre os asistentes estaban Severino Rodríguez , Xan Antón Rodríguez e Xosé Lois Sotelo . Pois ben, por un erro, dixemos deste último que era do BNG a pesar de que, como é ben sabido, Xosé Lois Sotelo non milita nese partido dende hai tempo. Aclarado queda.