?s alumnos do colexio monfortino dos Escolapios agregaron un novo capítulo a Unha historia de Lemos , a experiencia que promoven o Centro Comarcal Expolemos e La Voz de Galicia. A historia que comezou o escritor Lois Diéguez é continuada agora por Cristel , José Manuel , Alberte , Xoel , Cristina , José María , Ángeles Pilar , Alfonso , Laura , Iván , Manuel , Jacobo , Juan Manuel , Sandra Mazuelas , Brais , Nerea , Borja , Lucía , Joel , Patricia , Javier , Mónica , Elena , Iván , Xurxo , Judit , Antía , Sandra Sarmiento , Daniel , Jonatán e Xoán . ?o capítulo anterior, escrito polos alumnos do Divina Pastora, continuaban as andainas da moza Eimer e dos seus amigos polas Terras de Lemos, en loita contraos Ianqs ou señores da guerra. Os heroes da historia viaxaron a Bascós para pedir axuda ó ferreiro Xoán e do curtidor Casar. A continuación do relato é a seguinte. «Os nosos amigos devanceiros: Eimer, Cernún, o Mago Fins, David e tódolos que os axudan andan a cavilar no xeito de escorrentar de vez os Ianqs que dominan o Castro do Castelo Pequeno, e de conseguir asemade o terceiro ingrediente da beberaxe ou poción que ha facer libre á nosa terra. Neste intre, os rapaces e rapazas que andamos a matinar e máis a escribir neste cacho de "Unha historia de Lemos" devecemos por axudar ós nosos amigos dende o noso tempo. Xa que logo, decidimos enviarlles á nosa amiga a tecelá. Chámase Reboreda e tece a alforxa do tempo e do espacio: no tempo só pode transladar unha persoa.No espacio pode axigantarse e levar moitas persoas.Así que fomos na súa procura á rúa das Tecelás, tamén coñecida como a rúa das Bruxas na cidade de Monforte e ela amosouse moi leda de poder axudar e de poder axudalos a eles. Meteuse nunha das partes da alforxa mentres nós enchíamos a outra con tracas, petardos e bengalas ó tempo que lle dabamos recado de que tiñan que falar cós Nubeiros e os Tronantes para que os axudasen. Dixémoslle adeus e alá se foi polo tempo a se meter na historia que estamos a escribir e ó chegar xunto ós nosos amigos, que nun comezo case que desconfían un chisco, explícalles polo miúdo o plan que nós lle dixeramos. Entón o Mago Fins, convocou coas súas artes ós Nubeiros e os Tronantes que provocan un enormísimo trebón con lóstregos e tronos arrepiantes sobre dos Ianqs, mentres os nosos amigos axudados por moita xente da bisbarra lanzaban tracas, petardos e bengalas facendo liscar espaventados ós entremetidos Ianqs nos seus aparellos voadores. Sen máis, esculcan por todo o castro en busca da terceira planta para a poción ata que de súpeto, se lles aparece o trasno Sumicio e dalles a pista para achar doadamente o que andaban a buscar. Dilles: "a moura do castro da Babela sabe onde podedes dar con ela". Entón collen cara o devandito castro que fica contra Distriz, e ó chegar a moura moi agarimosa, xa que tamén ela estaba farta e aborrecida dos Ianqs, dilles que a planta hana atopar a beira do regato Covo, que se atopa en Sindrán entre o monte da Medorra e o Monsoar, onde moran as donas, xa que é a pranta das frores que usan as donas para tecer belas grilandas coas que se enfeitan. Así que como moi ledos, montan na alforxa, incluído Bern, e desprázanse no espacio pasando por riba de Piñeira, Viña Vella, o Malvarón e Caneda, ata chegar a Sindrán e ó regato Covo, onde chaman polas fermosas donas que lles entregan a "Marabilla das Milfollas" e lles dexesan moi boa sorte. Xa no luscofusco e reloucando coa ledicia, collen carreira a San Vicente do Pino, mais ó aterrar na aba do monte, onde lle chaman o Campo da Virxe, atópanse cunha chea de xente que anda de xolda con bonecos de palla, carautas, fachos acesos, o liló... pois é Xoves de Comadres e, en resumo, aínda que andan adoecidos por chegar, deciden que será ben que a súa amiga Reboreda, da que se anda namoriscando Cernún, disfrute un pouco da festa, antes de que retorne ó noso tempo.Logo de troulear un cacho, despídense de Reboreda con moito agarimo e un aquel de tristura, dándolle en lembranza un bago de ouro e outros trinta máis para cada un do noso curso. Entrementres desaparece a alforxa do tempo e do espacio, apuran para chegar ó cume de San Vicente, levando moi esperanzados e satisfeitos, o terceiro ingrediente da poción, máis ó chegaren preto da cima atopan de súpeto e como se xurdise da noite, unha multitude de Ianqs con coirazas e escudos que forman un enormísimo valado circular que lles corta o paso ¿qué poden facer?».