Os servicios de transporte escolar non funcionaron onte nas localidades da parte norte da serra As estradas xa están libres de neve, pero o xeo dificulta o tráfico
13 ene 2003 . Actualizado a las 06:00 h.O transporte escolar non funcionou onte nas parroquias do municipio do Courel situadas ó norte de Seoane, onde a presencia de abundantes placas de xeo nas estradas e pistas desaconsellou a circulación. Esperante, Teixeira, Visuña, Mostaz, Millares e Campelo foron algunhas das localidades máis afectadas por este problema, que obrigou a esparcir sal en numerosos viais do municipio. Esta operación, particularmente necesaria nas zonas máis altas e nos treitos máis sombrizos das estradas, continuou realizándose ó longo da tarde. A neve, polo contrario, xa non ocasionou dificultades na xornada de onte, xa que os vehículos de limpeza do Concello despexaron por completo as principais vías de comunicación da zona. Durante o sábado e o domingo, os efectos do temporal dos últimos días aínda eran ben patentes en moitas estradas e camiños. Tal foi o caso do vial que comunica o municipio de Pobra do Brollón coa Serra do Courel, que se encontraba en grande parte cuberto de neve xeada. Pouco antes de chegar a Parada de Montes, a circulación xa resultaba sumamente dificultosa nesta estrada incluso para os vehículos todoterreo. Obras interrompidas Outra consecuencia do mal tempo no Courel é a interrupción das obras de urbanización da praza situada ante a nova casa consistorial de Folgoso. A chuvia e a neve fundida abrandaron os terreos onde se habilita este espacio público de tal forma que os operarios e a maquinaria tiveron que parar os seus traballos. A obra terá que estar detida ata que o solo volva a adquirir unha consistencia suficiente para proceder á súa pavimentación. Se ben a neve xa non supón un obstáculo para o tráfico, as zonas máis elevadas da serra seguen cubertas dunha espesa capa branca que, a pesar de constituír un elemento típico da paisaxe invernal do Courel, non foi moi frecuente nos últimos tempos. A seca do ano pasado limitou a presencia da neve ós cumes máis altos durante uns poucos días. No ano precedente, polo contrario, foron as intensas e continuas chuvias as que impediron a formación do tradicional manto branco sobre as montañas.