Un bar de Monforte organiza tertulias co obxectivo de facilitar a práctica asidua de diferentes idiomas A única condición para participar é ter nivel suficiente para manter unha charla con fuidez
14 nov 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Desde hai varias semanas, todos os xoves, o inglés convértese en lingua de uso común no bar A Régoa de Monforte. En torno ás sete e media da tarde comeza no local unha tertulia na que se usa exclusivamente este idioma e na que participan por agora entre sete e oito persoas. O obxectivo é proporcionar a ocasión de practicar con certa asiduidade o inglés coloquial a calquera interesado nesta lingua. A única condición para asistir é posuir suficiente nive para manter unha conversa común. A iniciativa, pois, non se dirixe a persoas que queiran aprender inglés partindo máis ou menos de cero. As tertulias anglófonas comezaron a celebrarse por iniciativa de Miri Cabanas, copropietaria do local, quen estudiou inglés durante cinco anos e conta cunha ampla experiencia no manexo deste idioma, adquirida nos seus anteriores empregos. «Como aquí o inverno é longo e aburrido, ocorréuseme que as persoas interesadas noutros idiomas podiamos aproveitar o tempo para reunirnos e conversar, a fin de non perder a práctica», explica. «Trátase simplemente de falar de todo un pouco, nunha charla normal, sen método, sen profesor e sen libro», engade. A reunión semanal en inglés está aberta a novos contertulios e non é preciso inscribirse nin pagar cotas. Os participantes poden ser persoas que cursaron estudios de inglés en escolas de idiomas ou noutros centros educativos, ou que o aprenderon por outras vías, como no caso dos que vivieron na emigración. «Pero por suposto tamén poden vir as persoas residentes nesta zona que teñan o inglés como como primeiro idioma e que teñan interese en falalo con frecuencia», puntualiza a dona do local. Nas reunións xa participa unha persoa nacida e educada no Reino Unido e a intención da promotora das charlas é que se incorporen máis falantes nativos. Miri Cabanas proxecta organizarno seu local outras iniciativas relacionadas coa prática de idiomas. Unha delas podería ser a de proxectar en vídeo filmes en versión orixinal inglesa para despois comentalos en grupo. «O único problema é que a maioría das películas en inglés que están saíndo agora ó mercado do vídeo son bastante malas», sinala.