A asociación de comerciantes de Monforte constituirase en xaneiro En decembro haberá charlas sobre o uso do logotipo e unha campaña promocional
11 nov 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Os promotores do centro comercial urbano convocarán para o próximo día 21 unha asamblea aberta a todos os comerciantes de Monforte, na que será explicado en detalle este proxecto e o uso que se lle dará ó logotipo identificativo que foi escollido esta fin de semana. Este proxecto será remitido á Xunta nos seguintes días. Segundo adiantaron os responsables, o logotipo será utilizado en todas as campañas de promoción conxunta do comercio local que se leven a cabo a partir do ano próximo. O emblema común poderá figurar en valados publicitarios, bolsas, papelería e outros materiais de propaganda que se difundirán en Monforte e noutras localidades. O colectivo de comerciantes e o Seminario Carlos Velasco, organizadores do concurso, sinalan que este deseño mereceu a aprobación dos artistas monfortinos Antón Patiño e Roberto González, que participaron no xurado seleccionador. Todos os traballos presentados ó certame serán expostos na Casa de Cultura en decembro, mes en que se organizarán tamén unhas conferencias técnicas sobre as posibilidades de uso promocional do logotipo. Por outro lado, a asociación de comerciantes está preparando diversas iniciativas para a nova campaña de promoción do comercio local durante as festas de Nadal e Reis. O colectivo promotor do centro comercial urbano, por outra parte, ten previsto celebrar entre os meses de xaneiro e febreiro unha asemblea para constituír legalmente a asociación. Na actualidade, un centenar de comercios monfortinos están adheridos ó proxecto e abonan con este obxectivo unha cota mensual de seis euros. Os responsables cren que este número xa é suficiente para impulsar seriamente o proxecto.