O peche da histórica explotación non é incompatible co seu aproveitamento turístico, segundo Industria O patrimonio xeomineiro dá especial valor a unha aldea de Pobra
06 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.Desde finais de agosto, a boca da principal mina da Veneira de Roques está bloqueada por unha reixa pechada cun cadeado. Un letreiro colocado xunto á boca -idéntico ós que foron instalados noutras vellas minas da zona sur, como a de Covas, en Quiroga- explica que aquilo é unha antiga explotación selada. Segundo a Consellería de Industria, o peche enmárcase no Plan Galego de Selado de Minas Abandonadas, que se está a levar a cabo en toda a comunidade para evitar os riscos de accidentes que supoñen estes xacementos esquecidos. A forma en que se levou a cabo este selado -con rapidez e sen previo aviso- sorprendeu ós escasos veciños da localidade, afeitos a mostrar ós visitantes as galerías abandonadas, pero tamén ós responsables municipais, que aínda non recibiran ningunha comunicación da consellería cando a obra xa estaba feita. Non obstante, Industria sinala que o selado da mina da Veneira non ten carácter irreversible e que é compatible con calquera uso turístico que se lle queira dar. O aproveitamento turístico desta antiga poboación mineira, como indica o alcalde de Pobra do Brollón, Manuel Casanova, ten sido tema de conversación bastantes veces, pero aínda non se levou a cabo ningunha iniciativa a este respecto. Estes días, precisamente, está a ser asfaltado o último tramo da pista que leva da capital do municipio á Veneira de Roques. As dificultades que presentaban ata agora os accesos á localidade -sobre todo en inverno- non só eran unha fonte de problemas para os veciños, senón tamén un importante obstáculo para a promoción deste singular enclave da historia da minería galega.