Os socialistas presentarán denuncias na Fiscalía Anticorrupción, no Parlamento e na oficina do Valedor do Pobo O fallo da Audiencia Provincial sobre o caso de Pobra do Brollón «non foi de ningún modo unha sentencia absolutoria», segundo o PSOE, senón que representa «unha condena moral absoluta da política da Deputación de Lugo e do seu plano de cooperación coas comunidades veciñais». Varios representantes provinciais e locais desta formación política anunciaron onte en Monforte que pretenden seguir denunciando o sistema de reparto de axudas da Deputación en diversos ámbitos, que irán desde a Fiscalía Anticorrupción á oficina do Valedor do Pobo, pasando polo Parlamento e polo Ministerio de Administracións Públicas.
29 jun 2002 . Actualizado a las 07:00 h.«A nosa intención, ó contrario do que din algúns, non foi meter xente no cárcere nin gañar un puñado de votos», afirmaron onte o parlamentario autonómico Ricardo Varela, o portavoz socialista na Deputación, Manuel Martínez, e o concelleiro de Pobra do Brollón Pablo Fernández. «O que pretendiamos con esta denuncia era poñer de manifesto unha serie de auténticas barbaridades que se están a cometer en moitos concellos da provincia e despois de cinco anos, pensamos que esta sentencia veu darnos a razón», engadiron. O fallo da Audiencia Provincial, ó seu parecer, «é unha sentencia condenatoria e non unha absolución moral, porque deixa ben claro que as prácticas que se xulgaban son alleas ós principios dun Estado social democrático e de dereito». Asemade, «representa un auténtico varapao ó plano de cooperación coas comunidades veciñais, un sistema corrupto instaurado para que a Deputación conceda diñeiro a quen queira e sen ningún tipo de control», afirman os socialistas. Os portavoces socialistas consideran ademais que a situación que deu pé á súa denuncia no Concello de Pobra do Brollón «dáse no 99% dos concellos lucenseses gobernados polo PP» e que «non existen tales comunidades veciñais receptoras de axudas, senón un sindicato de intereses formado por amigos, familiares e achegados ó servizo do presidente da Deputación, que é quen tiña que estar sentado no banquillo». O deputado Manuel Martínez afirmou pola súa parte non entender «como o alcalde Manuel Casanova pode dicir que está tranquilo, a non ser que non soubese ler a sentencia». Na súa opinión, «nesta situación están pringados todos os alcaldes do Partido Popular» e o plano de cooperación coas comunidades veciñais « está servindo unicamente para que Francisco Cacharro medre a custa de catro pardillos e muñidores».