Se non ando errado, nos rueiros da cidade de Lugo non hai unha rúa ou calella que leve o nome de Lorenzo Varela, alto e grande poeta de Monterroso que fixo vida en Lugo. Eiquí coñeceu a outro esquencido do calexeiro ou rueiro: don Ramón Piñeiro, coido que tamén sen rúa. Sobre Lorenzo Varela téñense feito un mañuciño de libros, entre os que destaca un da autoría de Fernando Salgado, responsábel das páxinas de La Voz en Lugo. Un libro que teño traspapelado neste momento na miña pobre pero nutrida biblioteca, titulado máis ou menos Lorenzo Varela. Crónica dunha vida atormentada. Nel faise un laborioso percorrido pola vida e obra deste galego medio esquencido. En Lugo carece de rúa cando a Lugo ten adicado algún precioso poema. Este home, de pais galegos, nacera na Habana en 1916. Pasou logo a Buenos Aires e en Lugo materializou os estudios secundarios. Ramón Piñeiro foi un dos seus grandes amigos e del deixoume falado de palabra e en epístolas. Sobre esta épcoa sería cando se coñeceran. No 33 foise a Madrid. Publicou El Sol. Participou nas Misións Pedagóxicas e na Alianza de Escritores Antifascistas. Exiliouse en México. Fundou Romance e no 41 marchou a Buenos Aires e conectou con Luis Seoane e Arturo Cuadrado. Fundou ou cofoundou Novo Romance e despois Correo Literario. Figura como secretario da redacción de De Mar a Mar xunto a Dieste, Alberti e Francisco Ayala. Retornou a España no 76 e morreu no 78 sen regresar, como quería, a Galiza, as úa terra. Hai que facer mención a súa importante vea poética, xunto á cívica, que o fan un medio descoñecido en Galiza. Veremos se as autoridades levan a termo esta inxustificada ausencia da memoria viva dos lugueses. Varela e Piñeiro, irmáns.