Manuel María non está na Academia Galega a pesar de ser un escritor consagrado. Lembra que hai moitos anos fixérono correspondente e despois el mesmo renunciou. «Non estar na Academia non me preocupa nada. A Academia Galega é unha institución do país, pero a ver se se renova e desperta do letargo no que estivo». «Hai xente moi interesante e que debía estar nela hai moitos anos, como pode ser o caso de Ferrín ou de Xoana Torres, e xente unilingüe da miña xeración como Neira Vilas que vai resultar moi positiva». «Pero para min o que foi inconcebible é que na época de García-Sabell, a academia reducise o seu número de 40 numerarios». Manuel María pensa que algún día a literatura galega pode ter un Nobel, «pero antes creo que o vai ter o catalán».