«A natureza é fundamental na miña obra»

La Voz

LEMOS

FRANCISCO ALBO A ENTREVISTA Lomarti, escultor e artista plástico residente en Chantada Xoán Xosé López Martínez, ou Lomarti, é o autor das esculturas que simbolizan o premio Lobo de Cinema, concedido polo cineclube chantadino Os Papeiros. Afincado desde hai bastante tempo en Chantada, desenvolve un labor artístico que cada día consegue máis repercusión dentro e fóra de Galicia. En tempos recentes foi o único galego que participou nunha exposición de arte española en Corea do Sur. Coñecido principalmente como escultor, Lomarti prefire definirse como «artista multiindisciplinar». A súa actividade esténdese polas diferentes ramas das artes plásticas e hai tempo publicou un libro de poesía, «Coroas de mercurio».

14 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Lomarti é considerado chantadino de nacemento por moitas personas, pero el naceu en Lugo, precisamente na rúa de Chantada. Na vila do Asma ten a súa residencia desde hai máis de tres lustros. -¿Que importancia ten a natureza na súa obra, á parte o feito de colaborar nun premio audiovisual ecoloxista como o Lobo de Cinema? -A natureza e a paisaxe son algo fundamental para min e para o meu traballo e os motivos animais e vexetais están moi presentes na miña obra, mesturados ás veces con reminiscencias mitolóxicas. Estou encantado de vivir en Chantada, ó pé do Faro e non lonxe da ribeira do Miño, en medio dunha natureza espléndida. -¿Para vostede a escultura é a súa principal faceta como artista? -A min gústame expresarme a través de todos os medios plásticos e artísticos. Considérome un artista multiindisciplinar, como pon na miña tarxeta de visita. Comecei a pintar moito antes de esculpir, hoxe sigo pintando e traballo tamén noutras terrenos, como a fotografía, o teatro ou as performances. A escultura é só un dos meus medios de expresión, nunca fixen unha exposición que fose só de esculturas, pero a pesar diso hai xente que está empeñada en que son escultor. Por iso mesmo, estou facendo menos escultura e adicándome máis a outras cousas. -¿Á poesía tamén? -Si, continúo escribindo e agora incluso ando a darlle voltas a unha serie de relatos, pero non teño mans suficientes para facer tantas cousas e debo ir un pouco máis a modo. -¿Cre que hai unha afinidade artística entre vostede e o escultor Francisco Leiro, como suxiren algúns? -Eu fun e sigo sendo moi amigo de Leiro e comecei a esculpir no seu obradoiro, pero creo que as nosas obras son moi diferentes. El, por exemplo, ten un componente barroco que non existe nos meus traballos. Só nos parecemos no feito de sermos escultores figurativos. O que pasa é que en Galicia hoxe hai pouca figuración na escultura e por iso hai quen nos mete no mesmo saco.