A desfeita do casco vello

La Voz

LEMOS

TRIBUNA PÚBLICA

12 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Recentemente, o alcalde de Monforte informou de diversas actuacións que terían grande repercusión no futuro da cidade. Entre elas destacaban dúas: reduci-la delimitación do casco histórico e mercar vivendas no entorno de San Vicente. Cando se analizan con rigor estas declaracións non podemos deixar de sorprendernos: ¿palabras gratuitas ou irresponsabilidade? Alguén debería poñer ó tanto o alcalde das cuestións que inciden no actual deterioro do casco histórico (só hai que dar unha volta parta percibi-la súa triste realidade) para que tome conciencia de que as accións políticas para invertir esta tendencia dependen do Concello. Dicimos isto porque parece que o goberno municipal pensa que a cousa non vai con eles e que todo depende de outras administracións, olvidando que a ordenación urbana é esencialmente competencia súa. Contradiccións ¿Como se pode falar de solicita-la declaración de recinto histórico como área de rehabilitación integrada sen ter feito nada para poñer en marcha o Plan Especial de Protección que é a condición previa para elo? ¿Cómo se pode manifesta-la necesidade de rehabilitación do caso e asistir impasible a como son machacadas unha tras outra na Comisión Provincial do Patrimonio as poucas iniciativas que se plantexan no mesmo? ¿Como se pode declarar que o problema do plan especial e a súa delimitación transmitindo unha imaxe negativa do documento para os intereses dos propietarios (resulta significativa a proliferación de carteis de venta nos edificios do recinto histórico) cando a inclusión no seu ámbito debería traer vantaxes? Máis feitos Se o equipo de gobierno cre na necesidade da posta en valor do recinto histórico como opción de futuro para a nosa cidade debe deixarse de declaracións grandilocuentes e definir cal e o seu proxecto de cidade e cales as estratexias para levalo a cabo. O plan de ordenación municipal, o plan especial de protección, a declaración de área de rehabilitación integrada e as propias actuacións municipais rehabilitando patrimonio inmobiliario en vez de construír novos edificios serán accións para acada-lo obxectivo previsto. O contrario é seguir dando paos de cego e seguir permitindo a desfeita urbanística que fai afondar máis a economía local. Consello Local do BNG. Monforte.