Falan os profesores

La Voz

LA VOZ DE LA ESCUELA

Nenos traballando na aula co suplemento La Voz de la Escuela
Nenos traballando na aula co suplemento La Voz de la Escuela

Si, é certo. En Galicia e en todas partes, porque ata en Sudán hai profesores, auténticos mestres no sentido máis literal do vocábulo, que deixan a pel para ensinar aos seus alumnos. Hainos tamén, como en todas as profesións, dos que se agradecería un maior esforzo, pero eses non interesan: interesan os que inundan Prensa-Escuela coas súas iniciativas. Claro que estas páxinas non son de goma (frase moi empregada no argot xornalístico), de maneira que se impón a selección. Estas tres experiencias que reproducimos aquí son as que máis nos gustaron. Pero hai centos máis, o cal é signo de vitalidade da escola galega. E por moitos anos.

05 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O Pasaporte Solidario, un proxecto convertido en xenial aventura

  • Laura Valcárcel Márquez. Col. Santa Teresa de Jesús (Ourense)

 Difícil é conseguir que aos alumnos e alumnas de hoxe lles impacte ou lles entre polos ollos unha actividade. Xa case viron todo, xa fixeron de todo e poucas cousas son capaces de facerlles dicir: «¡¡¡Encántame!!!». Pero o Pasaporte Solidario conseguiuno.

Cando presentamos este proxecto, metéronse enseguida nesta xenial aventura, onde comezan unha viaxe na que en cada parada atopan unha actividade chea de solidariedade.

Durante todo un curso, os alumnos quedan enganchados á aventura do pasaporte preguntándose cal será a seguinte actividade que faremos.

Darlle un fío condutor para traballar os valores na aula paréceme importantísimo, e se a iso podemos engadirlle iniciar aos nosos alumnos en voluntariado, isto é estupendo xa que nestas idades empezan a descubrir os seus gustos e afeccións, comezan a elixir o seu tempo libre… Entón, que mellor que descubrirlles o mundo do voluntariado en todos os seus ámbitos para que logo eles poidan seleccionar o que máis os motive?

Este pasaporte, promocionado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, conduciunos polo mundo da emigración, a ecoloxía, a axuda ao Terceiro Mundo, a igualdade, os dereitos do neno, a pobreza na nosa cidade, o consumo na nosa vida... Deunos a oportunidade de descubrir oenegués e organizacións que traballan para axudar aos demais desde o voluntariado, e iso failles darse conta de que vivir en sociedade é algo máis que un mesmo e que a axuda aos demais é un valor que nos enriquece a todos.

Así traballo coa prensa na aula de Inglés

  • Olga María González Guisande, «Teacher» do CEIP A Guía, de Moaña

A prensa é un recurso moi valioso na aula que ofrece multitude de posibilidades para traballar en todas as áreas e en todos os cursos.

Considero, pola miña propia experiencia, que pode ser traballada en todas as materias e en todas as etapas educativas. Pero é como teacher, na área de Inglés, e en concreto nos últimos cursos de primaria, onde estou a sacar maior partido deste recurso.

Este curso, en sexto de educación primaria, realicei distintas actividades, xa que é con esta clase coa que participo no Programa Prensa-Escuela de La Voz de Galicia. A prensa en formato papel evoca en min marabillosos recordos co xornal como protagonista. É por isto polo que entendo perfectamente aos meus peques, que todos os mércores levan aos seus fogares a prensa, coma se dun tesouro se tratase. Moitos comentan como os seus avós ou os seus pais esperan ese día con especial interese. Saben que todos na casa poderán ler o xornal e que compartirán opinións, reflexións…

Ao longo destes anos, corroborei que o traballo coa prensa na aula fomenta a lectura, aviva a curiosidade, enriquece as relacións familiares, pon en valor o traballo do xornalista con todo o que iso leva e aumenta o coñecemento e interese por aprender, a través dos textos escritos, os aspectos culturais, políticos e sociais non só da súa contorna máis próxima, senón do resto do mundo…

Na medida do posible, trato de realizar as actividades en inglés, por tratarse da materia que imparto, pero tendo sempre en conta a riqueza da interdisciplinariedade que me ofrece a prensa.

Hai un amplo abano de actividades a realizar coa prensa como recurso na aula. Todas elas varían en función da idade do alumnado, dos seus intereses, do tempo que lle poidamos dedicar…

Entre as actividades realizadas nos últimos anos coa prensa destacaría as seguintes: debates e reflexións sobre a importancia da prensa; análise dos proles e contras do papel fronte ao dixital; redactar coas súas propias palabras e posteriormente ilustrar algunha noticia que consideren de interese; inventar unha noticia que lles gustaría que aparecese publicada; resumir unha noticia, utilizando un número determinado de palabras; tras escoller unha noticia que resulte interesante, pídeselles que subliñen un número determinado de verbos, adxectivos ou nomes, que os copien nunha folla e escriban a súa tradución en inglés para enriquecer o seu vocabulario; distinguir as seccións que compoñen un xornal e escribir o seu nome equivalente en inglés; procura en liña de xornais dixitais de lugares de fala inglesa e comparalos coa prensa de aquí; actividades de educación artística coa prensa como material central (papiroflexia, colaxe…); actividades de reciclaxe do xornal (deposítase no colector azul, podemos elaborar pasta de papel…), etcétera.

Como traballo final, é interesante poder realizar un xornal de aula, no que cada alumno decide que sección traballar, pero é unha actividade que require moito tempo, do cal non sempre dispomos.

Un mes sobre o xeo en Siberia

  • Silvia López López. Profesora de Lengua Castellana y Literatura do CPI Julia Becerra Malvar, de Ribadumia

Chus Lago, Verónica Romero e Rocío García percorrerán os 634 quilómetros do xeado lago Baikal para concienciar sobre o cambio climático (https://bit.ly/2FUmfUA). Esta noticia foi o punto de partida do Proxecto Baikal, desenvolvido polo alumnado de 1.º de ESO do CPI Julia Becerra Malvar, de Ribadumia (https://bit.ly/2WkqrXo).

Como todos os mércores, dabamos voltas a La Voz de Galicia buscando a mellor noticia para traballar en clase e así saber un pouco máis do mundo e da lingua. E sen saber como, tropezamos con ela: Onde está o lago Baikal? Van ir andando? Quen son esas mozas? Tres mulleres? Por que? Isto comentaban os alumnos. E todo para concienciar sobre o cambio climático!

Encaixábanos perfectamente no proxecto de centro, que trata sobre o cambio climático. Levamos todo o curso concienciándonos nós e traballando entre todos para saber un pouco máis sobre as causas e as consecuencias deste gran problema ambiental. E se nos comprometemos nós tamén con esta expedición? Os ollos dos meus alumnos brillaron dun xeito diferente... A polo lago Baikal con Chus, Verónica e Rocío!

A formulación do proxecto centrouse en traballar coas noticias que a prensa ía publicando sobre a expedición de Compromiso coa Terra e toda a información que se ía envorcando en redes sociais (Twitter, Instagram e Facebook). Deste xeito, non só nos centramos no tema do cambio climático, senón que abordamos as redes sociais dándolles outra utilidade diferente (fonte de información) á que coñecen os nosos alumnos (colgar a mellor ou a peor foto ou contar os likes dunha publicación).

Cada tres ou catro días os alumnos tiñan que escribir unha noticia sobre o estado da expedición capitaneada por Chus Lago e as mellores eran publicadas na web. Para completar o traballo, o departamento de Xeografía e Historia participou estudando a localización, a economía e os costumes da zona onde se sitúa o lago Baikal. O departamento de Bioloxía e Xeoloxía traballou o seu ecosistema. O departamento de Lingua Galega e Literatura realizou un glosario artegráfico. En clase de Matemáticas fixeron un orzamento do que podería custar a expedición e en clase de Educación Física estudaron o alpinismo como disciplina deportiva.

Como produto final do proxecto decidiuse realizar un encontro con Chus Lago.