Os elementos químicos, a escena

Patricia Barciela

LA VOZ DE LA ESCUELA

Construción do telescopio espacial James Webb. Nos espellos do substituto do Hubble emprégase berilio
Construción do telescopio espacial James Webb. Nos espellos do substituto do Hubble emprégase berilio XXXX

No Ano Internacional da Táboa Periódica prestamos atención a un mineral de propiedades únicas, o berilio

23 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Este ano 2019 conmemórase o 150.º aniversario da creación da táboa periódica polo químico ruso Dmitri Mendeléyev, que en 1869 ordenou os elementos coñecidos segundo as características dos seus átomos. Porque todo o que existe no universo está formado por pouco máis de cen substancias químicas básicas ás que chamamos elementos, cada un deles co seu propio tipo de átomo e un comportamento único. O número de protóns e electróns é o que distingue aos átomos entre si, pero esa simple diferenza ten un profundo efecto na súa natureza.

Por exemplo, aqueles elementos que posúen un electrón na súa capa máis externa teñen un comportamento similar. Falariamos, entre outros, do litio, o sodio e o potasio, que tenden a unirse facilmente a outros elementos. Do mesmo xeito, os elementos que só necesitan un electrón para completar a súa capa exterior mostran un comportamento parecido. Son os chamados halóxenos. Algúns elementos, como o helio, o argon, o neon e o cripton presentan a súa capa externa de electróns totalmente chea. Isto fai que sexan moi estables e que lles sexa difícil reaccionar con outros elementos. Son os gases chamados nobres, e brillan cando unha corrente eléctrica pasa a través deles. Os tubos de neon, por exemplo, brillan nun vermello intenso.

Todos os elementos están agrupados en familias e situámolos segundo a orde do seu número atómico, ou o que é o mesmo, segundo o número de protóns do seu núcleo. E esta forma de agrupalos é o que coñecemos como táboa periódica. Buscando a posición dun elemento na táboa, un científico pode deducir como se vai comportar e incluso predicir como o farán elementos que nin sequera foron descubertos.

NO PRIMEIRO PLANO, O BERILIO

Talvez é un dos elementos máis estraños da táboa periódica. É un metal lixeiro, pero moi resistente e cunha gran estabilidade. Tende a formar capas moi finas, pouco reactivas e de baixa densidade, o cal o fai moi forte e a proba de corrosión. Por iso é polo que as súas aliaxes se utilizan en aplicacións industriais que se someten a forzas moi intensas, como os rotores dos helicópteros. Tamén se usa como alternativa ao aceiro nalgúns mecanismos, especialmente cando existen campos magnéticos moi intensos. É o caso dos equipos de resonancias magnéticas dos hospitais.

En forma pura ten unhas propiedades que o converten na estrela da enxeñería, polo seu alto punto de fusión e o feito de que case non se deforme a altísimas ou baixísimas temperaturas. Por iso é o material por excelencia de moitas aplicacións aeroespaciais, como satélites ou avións supersónicos. Tanto é así que o novo telescopio espacial que vai substituír ao Hubble terá espellos feitos de berilio puro.

TAN ESTRAÑO COMO ÚNICO

As súas propiedades convérteno nun elemento único, pero tamén presenta algúns inconvenientes. Por unha banda, é moi escaso. Atópase só en minerais moi raros, tal como o berilo, un tipo de pedra preciosa que inclúe esmeraldas e augamariñas. Por iso é un elemento moi caro, que se utiliza só cando é absolutamente necesario. Ademais, ten un nivel importante de toxicidade. Se se inhala, aínda que sexa en pequenas cantidades, provoca unha enfermidade respiratoria similar á pneumonía que adoita traer complicacións graves. Por iso é polo que hai que tomar numerosas medidas de seguridade cando se manexa.

 

Pola Rede

  • Para saber máis sobre o berilio e as súas aplicacións podes explorar a web de BeST, a asociación de ciencia e tecnoloxía do berilio (www.berylium.eu).
  • O novo telescopio espacial James Webb é unha colaboración entre a NASA, a ESA (Axencia Espacial Europea) e a Axencia Espacial Canadense. Podes aprender máis sobre os seus espellos de berilio puro en www.jwst.nasa.gov/mirrors.html

En pantalla

  • Podes ver un vídeo sobre o berilio e os seus usos nesta colección sobre a táboa periódica do Max-lab de Suecia: www.periodicvideos.com/videos/004.htm
  • Ou sobre o berilio e o telescopio espacial James Webb en: https://www.youtube.com/watch?v=PuUwGXRwViQ