Ideas para crear un caderno de campo

Todos os grandes naturalistas da historia deron os seus primeiros pasos no estudo da vida silvestre tomando notas de campo

O caderno de campo é só comezo para seguir despois coa investigación das túas observacións
O caderno de campo é só comezo para seguir despois coa investigación das túas observacións

Cada día está repleto de noticias. Basta con follear este xornal, que reborda de crónicas do acontecido desde moi preto até moi lonxe de onde vives. E de análises desas historias, das súas causas e das súas posibles consecuencias. Tamén son noticias as novidades propias e alleas que compartimos coa nosa familia e amizades desde que espertamos ata que regresamos á cama ao final de cada xornada, aínda que non terminen impresas. As máis importantes gárdanse na memoria familiar e na da cuadrilla.

Os Gobernos locais, autonómicos e estatais, todos os organismos internacionais e infinidade de empresas e oenegués contan, doutra banda, con departamentos de comunicación propios para difundir as súas novidades. Tamén moitos centros escolares teñen os seus propios xornais, revistas ou blogues, elaborados polo alumnado con axuda dos seus mestres.

Os naturalistas non somos alleos a esa necesidade de apuntar e explicarnos o que sucede arredor de nós. O xeito de recoller as noticias que imos atopando a cada paso que damos na natureza é anotalas no noso caderno de campo. Todos os grandes naturalistas da historia deron os seus primeiros pasos no estudo da vida silvestre cun caderno e unha pluma, lapis ou bolígrafo na man. E só deixaron de escribir e debuxar neles cando non tiveron outro remedio. Nesas notas e esbozos, a miúdo rápidos, apenas unhas palabras e uns trazos, está a orixe de moitos dos descubrimentos científicos máis extraordinarios da historia.

Un exemplo moi coñecido é o dos diarios de Alexander von Humboldt. Entre eles están as páxinas que dedicou a Galicia en 1799, pouco antes de embarcar o 5 de xuño daquel ano na Coruña rumbo a América. Apunta detalles das rocas que atopa, as formas da paisaxe, as algas que acha preto da torre de Hércules... Mesmo fai un breve testamento, por se non regresa. O que durante os anos seguintes escribiu naquelas mesmas páxinas influiría de xeito decisivo, ata hoxe mesmo, en moitas xeracións de científicos. Pódense consultar en https://humboldt.staatsbibliothek-berlin.de/?lang=en

Entre os fascinados polo traballo e as ideas de Humboldt destaca Charles Darwin. O 36 de xullo de 1836 apuntou no seu propio caderno o esquema, moi sintético, do seu achado acerca de como evolucionamos as especies. Interprétao como unha arboriña á que lle van saíndo pólas. Este e outros manuscritos seus, redactados a bordo do bergantín Beagle na súa viaxe de volta ao mundo, ou durante as súas expedicións xeolóxicas, pódense consultar na web www.amnh.org

Cales serían as primeiras noticias que comezou a apuntar a humanidade? É difícil sabelo, pero sen dúbida entre elas destacaban de xeito especial as relacionadas coa flora, a fauna, os movementos do sol, a lúa e as estrelas, a meteoroloxía... A vida dependía entón, de xeito determinante, do que sucedía na natureza. Aínda faltaba moito para que certa forma de pensar impuxese a absurda idea de que todos eses acontecementos non ían connosco, ou non moito.

A nosa vida depende, claro que si, de canto lle sucede a esa biodiversidade da que formamos parte inseparable sobre este planeta único. Neste século XXI estamos a comezar a recordalo segundo nos chegan, cada día, noticias de máis e máis desastres ambientais causados por ese esquecemento.

Son numerosos os retos que temos por diante, sobre todo as persoas máis novas. A mellor maneira de afrontalos de xeito activo é coñecelos, a través da información veraz da prensa honesta e, se é necesario, das nosas propias investigacións. Tamén é fundamental recuperar o noso coñecemento directo dos procesos da natureza: saber de primeira man como funciona e o fermosa que é. Para isto último é ideal, e moi entretido, manter un caderno de campo. Estas dúas páxinas ofrécenche unhas ideas de como facelo. Quen sabe? Igual un día, dentro dun tempo, apuntas nel unha idea que asombre ao mundo...

Tipos

O caderno de campo tradicional é un caderno con tapas duras para poder escribir con comodidade, sen demasiadas páxinas para que non se faga pesado e de dimensións que o fagan cómodo de transportar e manexar. A partir de aí, ti decides cal é o formato que mellor se adapta ao teu xeito de describir a natureza.

Se, por exemplo, che gusta facer ilustracións de cores do que vas atopando nas túas excursións, virache mellor un caderno apaisado de follas de debuxo ou acuarela. Se es un namorado das cifras, que apunta os números de canto observa para logo xogar con eles para extraer tendencias e elaborar gráficas, é probable que prefiras traballar sobre páxinas cuadriculadas. Se a partir do que vas atopando vas alimentar o teu propio blogue naturalista, igual che vén ben traballar directamente cun teléfono móbil ou cunha tableta dixital.

Sexa como sexa, recorda que ademais do caderno e o lapis ou bolígrafo, os pinceis ou suficiente batería, resultaranche esenciais ferramentas como lupa, prismáticos, guías de flora e fauna, bo calzado e abrigo, auga e alimentos... E sobre todo, un entusiasmo e unha curiosidade a tope de forzas.

Un caderno rebelde

Os causantes dos desastres ambientais que ameazan o equilibrio ecolóxico local ou planetario pretenden que nos resignemos ás súas consecuencias mentres eles tiran partido dos seus abusos. Moitos xa non negan o dano que causan, senón que nolo presentan como inevitable, fabricando para iso coartadas en ocasións ridículas, pero outras moi hábiles. Alimentan así incertezas, desencantos e escepticismos que só benefician aos seus intereses.

Tamén procuran que permanezamos ignorantes do que sucede na natureza, para que non sexamos conscientes das consecuencias das súas nocivas actividades. Por iso, énchennos cada día de propaganda e supostas noticias, mesmo falsidades de todo tipo. É ese un intenso ruído de fondo que evita que escoitemos as informacións verdadeiramente importantes para nós.

Por iso apuntar como se van descolorindo as follas no outono, o voo da última andoriña destas datas ou que tipos de nubes hai hoxe sobre ti é tamén unha forma de rebeldía. Unha rebeldía contra ese ruído prefabricado. Unha forma de crear noticias de verdade fronte ás que non o son. E de reconectarte, ademais, co natural e cultivar así a túa saúde mental e física, como non cesan de repetir psicólogos e pedagogos.

Que debes apuntar

Reserva cada páxina do teu caderno de campo a unha xornada. Na súa parte superior debes apuntar, como mínimo:

  • A data.
  • A hora de inicio e final da túa excursión.
  • O lugar ou lugares que visitas.
  • A meteoroloxía.
  • Quen te acompaña.

A continuación, escribe todo aquilo que consideres importante de canto vaias atopando. Procura ser, por unha banda, sintético. E por outra, só nalgúns casos, exhaustivo. Haberá especies ou paisaxes que chamen máis a túa atención. Fíxate neles: por que resultan tan rechamantes? Apunta as súas características. Debúxaos. Non te preocupes pola calidade das túas ilustracións. Ninguén máis que ti vai ver eses trazos, se así o prefires. O importante é que che resulten prácticos a ti. Se non levas pinturas, sinala por escrito a cor de cada detalle. Valora ademais facer un plano do teu paseo, apuntando nel o que ves en cada tramo da ruta.

Por suposto, é moi probable que non coñezas os nomes da inmensa maioría dos animais e plantas que atopes. Non pasa nada. Ao contrario. O caderno de campo é precisamente para iso: para apuntar tamén as túas dúbidas, a fin de resolvelas logo en casa ou no colexio. Un caderno de campo debe estar cheo de preguntas! De feito, buscarlles respostas chega a ser logo moi entretido.

IDEAS E SENSACIÓNS

Fai oco sempre no teu caderno ás ideas e sensacións que che saian ao paso segundo camiñas pola natureza. Verás como a miúdo son bastante diferentes ás que atopas nos lugares pechados ou nos ambientes urbanos. Por que cres que sucede isto? Se te sentes de xeito un pouco diferente tras un intre longo de paseo por un lugar cheo de biodiversidade, será porque cada un de nós, a humanidade, conservamos coa natureza un vínculo moi especial? E se é así, en que consistirá ese vínculo?

De igual xeito que non tes que debuxar moi ben para facer un esbozo útil dunha flor ou unha ave, non tes por que ser un poeta nin un filósofo para expresar sensacións e ideas. Faino o mellor que saibas, e verás como, de xeito sorprendente, cada vez o fas mellor.

COMPARTE AS TÚAS NOTICIAS NATURALISTAS

Pensa de novo en cantas noticias compartides cada día a túa familia e os teus amigos: sucesos, conversacións, anécdotas, acontecementos escolares, resultados deportivos, novidades musicais... Como bo naturalista, fai aos poucos sitio entre elas ás que chegan de entre as árbores, xunto aos ríos ou os outeiros. Ao principio é posible que máis dun te mire con cara rara, pero logo xa verás como empeza a aparecer xente que quere acompañarte en busca desas e outras historias. E a comprender a súa importancia.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Ideas para crear un caderno de campo