Hoxe é o Día de Europa

Fernando Pariente

LA VOZ DE LA ESCUELA

 Banco Central Europeo
Banco Central Europeo Arne Dedert

Unha festa especialmente sinalada como efeméride escolar

09 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Os calendarios escolares de cada ano sinalan varios días especiais que os centros deben ter en conta para programar actividades didácticas que fomenten as vivencias propias da celebración. Un dos días que a Consellería de Educación propón sempre é o 9 de maio, Día de Europa. Unha xornada especialmente dedicada a reafirmar a conciencia da nosa pertenza a unha comunidade de nacións e pobos cos que compartimos cidadanía, cultura e historia. Somos europeos porque queremos ser europeos e estamos dispostos a compartir cada vez máis cousas entre todos. Esta celebración é especialmente necesaria porque a construción europea se atopa nunha encrucillada perigosa. As forzas de cohesión enfróntanse a outras de desintegración alentadas por nacionalismos e populismos. Celebramos o Día de Europa para manifestar que estamos moi contentos de sentirnos europeos.

O 9 de maio de 1950 quedou sinalado no calendario da historia como o día do nacemento de Europa, a pesar de que non se asinou nese día ningún tratado que constituíse a primeira pedra da construción dunha nova orde política no continente, pero deuse fe ante toda a cidadanía europea do que se pretendía facer, de cal era o obxectivo que se perseguía e, como agora se di, fixouse a folla de ruta para alcanzalo. Naquela data convocouse en París á prensa ás 6 da tarde no Salón do Reloxo do Ministerio de Asuntos Exteriores porque se ía facer pública unha «comunicación da maior importancia». As primeiras liñas da declaración do 9 de maio de 1950 lida ante a prensa por Robert Schuman, ministro de Exteriores, expresan claramente a ambiciosa magnitude da proposta. «A paz mundial só pode salvagardarse mediante esforzos creadores proporcionados aos perigos que a ameazan». Esta proposta, coñecida como declaración Schuman, considérase a semente do que actualmente é a Unión Europea. O 9 de maio converteuse no símbolo que, xunto coa bandeira, o himno e o euro, identifican a entidade política da Unión Europea. É o Día de Europa.

A Europa soñada

A declaración Schuman contén estas ideas fundamentais:

1. A creación de Europa é indispensable para a paz: «A contribución que unha Europa organizada pode achegar á civilización é indispensable para o mantemento dunhas relacións pacíficas».

2. Europa construirase paso a paso: «Europa non se fará dunha soa vez nin nunha obra de conxunto: farase grazas a realizacións concretas, que creen en primeiro lugar unha solidariedade de feito».

3. O primeiro que é necesario facer é superar a rivalidade franco-alemá: «A agrupación das nacións europeas esixe que a oposición secular entre Francia e Alemaña quede superada, polo que a acción emprendida debe afectar en primeiro lugar a Francia e Alemaña».

4. O primeiro paso será pór en común a produción do carbón e o aceiro, pero o obxectivo final será a federación de Europa: «A posta en común das producións de carbón e aceiro garantirá inmediatamente a creación de bases comúns de desenvolvemento económico, primeira etapa da federación europea». O primeiro paso é económico, pero o obxectivo último será político, a creación dunha federación europea.

5. Un proxecto aberto a outros países: «A creación desa potente unidade de produción, aberta a todos os países que desexen participar nela, proporcionará a todos os países que agrupe os elementos fundamentais da produción industrial nas mesmas condicións e sentará os cimentos reais da súa unificación económica».

A folla de ruta propuña, xa que logo, chegar primeiro á unificación económica para terminar coa política. A meta e o camiño para conseguir chegar a ela quedaron así perfectamente definidos. Só facía falta tempo e constancia para seguir sempre adiante.

A Europa construída

Pasaron xa 68 anos e o treito andado é importante. Os pasos foron avanzando de acordo co proceso gradual que se foi establecendo, aínda que, ás veces, teña sobrevindo algún tropezón. Volvendo a vista atrás para coller novas forzas pódense recordar os seguintes banzos superados, verdadeiras metas que ninguén tería soñado poder conseguir durante os días máis negros da Guerra Fría.

1. Primeiro foi o carbón e o aceiro. O 18 de abril de 1951 creouse, polo Tratado de París, a Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro con seis países membros: Alemaña, Bélxica, Francia, Italia, Luxemburgo e Países Baixos.

2. Despois, a CEE. O 25 de marzo de 1957 estes mesmos países asinaron os Tratados de Roma, que deron orixe á Comunidade Económica Europea.

3. E, deseguido, o Parlamento Europeo. A Asemblea Parlamentaria Europea celebrou a súa primeira sesión en marzo de 1957 en Estrasburgo e o Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas constituíuse en Luxemburgo o 7 de outubro do mesmo ano.

4. Os novos socios foron chegando. As negociacións para admitir novos socios na CEE comezaron case de forma inmediata, pero sufriron atrasos, principalmente polas discusións ao redor da solicitude de Gran Bretaña, rexeitada inicialmente por De Gaulle. Finalmente, os problemas solucionáronse e o 1 de xaneiro de 1973 incorporáronse Gran Bretaña, Irlanda e Dinamarca. Noruega tamén foi admitida, pero rexeitou incorporarse, como resultado do referendo negativo da súa poboación. A Europa dos Nove en 1981 converteuse na dos Dez co ingreso de Grecia e na dos Doce en 1985 co ingreso de España e Portugal. Na actualidade o número de membros é de 28.

5. Primeiras eleccións de todos os europeos. O Parlamento Europeo comezou a ser elixido por sufraxio universal en 1979. As primeiras eleccións celebráronse do 7 ao 10 de maio.

6. Caen fronteiras e chega o pasaporte europeo. O Acordo de Schengen, asinado en 1985 para que entrasen en vigor en 1995, suprimiron as fronteiras dentro do espazo de Schengen, que se estende por case todos os países da Unión e algúns países europeos máis, como Suíza ou Noruega.

7. A CEE convértese en Unión Europea. O seguinte gran paso comezou a darse na cidade holandesa de Maastricht. Asinouse alí en 1992 un tratado para alcanzar unha unión máis sólida en política exterior e de seguridade, así como a uniformidade económica para chegar a establecer unha moeda única. Así se creou a Unión Europea, que se faría oficial no ano 1993.

8. Chega o euro. A última etapa para a implantación da moeda común, o euro, comeza en 1999. Once países conseguen cumprir as condicións esixidas. España está entre eles e pronto se suma Grecia. O Banco Central Europeo empeza a exercer o seu labor de control. Os primeiros billetes e moedas do euro empezan a circular o 1 de xaneiro do ano 2002.

9. Hai que cambiar as regras. A proposta de entrada de dez novos socios obriga a cambiar as regras de funcionamento e por iso se asina o Tratado de Niza no 2001, e tómase a decisión de elixir unha comisión de expertos para redactar unha Constitución europea.

10. Un paso en falso. O proxecto de Constitución estaba preparado no 2003. Só faltaba a súa ratificación Estado por Estado. Algúns íano facer mediante referendo, e outros tiñan previsto facelo por acordo parlamentario. Pero no 2005 os franceses rexeitaron en referendo a súa ratificación e días despois fixérono tamén os holandeses. O proxecto de Constitución quedou deste xeito en papel mollado.

11. Un remedio de circunstancias. Para pór remedio á situación, asinouse no 2007 o Tratado de Lisboa, que recollía os aspectos menos problemáticos expostos polo proxecto fracasado.

12. A crise do brexit. Os ingleses tomaron a decisión de abandonar a Unión Europea nun referendo celebrado o 23 de xuño do 2016. A data na que o brexit debe producirse é o 29 de marzo do 2019 e pactouse para despois un período de transición de 21 meses. A pesar do evidente efecto negativo que terá o abandono de Gran Bretaña do proxecto europeo, espérase que despois da súa retirada poida producirse unha reacción que leve a unha maior integración política ao desaparecer o lastre inglés, sempre reticente ante esa posibilidade.

 

ACTIVIDADES

  • O texto completo da declaración Schuman podedes lelo na seguinte dirección da web: https://bit.ly/RnG3Ty. Comprobade se as ideas recollidas na primeira parte desta páxina se corresponden co exposto nela.
  • Como ve a propia Europa as súas posibilidades de futuro? No 2017 a Comisión Europea publicou un Libro Branco no que se expuñan varios camiños que se abren ante ela. Na web https://bit.ly/2nnG1PX atoparedes unha síntese do que o libro expón.