Carlos Casares multidisciplinar

Jesús Garrido / jgs@cursosrepeducador.com

LA VOZ DE LA ESCUELA

Ler a escondidas «é como máis presta» facelo, di Casares
Ler a escondidas «é como máis presta» facelo, di Casares

Si, é certo, por suposto, que os seus escritos teñen sempre un alto cumprimento daqueles catro is (importante, interesante, investigable, interdisciplinar) que sinalamos en primeira páxina de hoxe para que unha noticia poida traballarse con eficacia en clase, non cabe dúbida de que a cuarta i, interdisciplinar, se desenvolve amplamente nos escritos de Carlos Casares.

10 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

1. A ciencia

O martes pola tarde, atopei na rúa un señor que me estivo falando durante algún tempo de Álvaro Cunqueiro, do cal, segundo me contou, foi amigo. O citado señor é químico de profesión, pero aseguroume que a súa verdadeira vocación eran as letras e as humanidades…

Este home que me parou na rúa contoume unha cousa de Cunqueiro que eu non sabía, é dicir, que o escritor galego estaba moi interesado na ciencia. Non me sorprendeu, pois criouse en casa con botica, nunha época na que os boticarios preparaban remedios e pasaban por seren, case todos, magníficos botánicos. No caso concreto de Cunqueiro é certo que coñecía moi ben todas as herbas.

Un día escoiteille dicir que el sabía de purgas máis que ningún médico vivo e que todas tiñan carácter científico, que as aprendera co seu pai, cando as preparaba para o bispo Solís, de Mondoñedo, o cal, despois dos días de festa, mandaba recado de que lle enviasen unha. Supoño, non obstante, que as curiosidades de Cunqueiro ao respecto non quedaban aí. Sei que se interesaba pola física e pola bioloxía, aínda que descoñezo o grao de sabedoría que chegou a alcanzar nesas disciplinas. Despois de todo, un home coa súa imaxinación podía inventar un tratado completo de calquera cousa. Por exemplo, como os paxaros saben multiplicar en verso.

(La Voz de Galicia, 26/2/1999)

 

 

2. Ler ás escondidas

Cando lin por primeira vez Platero y yo de Juan Ramón Jiménez, antes de abrir o libro tiven que cumprir coa norma obrigada de pasarllo a un profesor, cura por máis señas, para que decidise se o podía ler sen que correse moito perigo a miña saúde espiritual. Devolveumo aos poucos días con algunhas palabras tachadas con tinta china. Naturalmente, fixen o imposible por averiguar o que puña debaixo daqueles borróns ben trazados. Eran bobadas. Unha das frases dicía que a lúa lucía o seu branco vestido de noiva.

 

[…] Sei agora que nos Estados Unidos desterraron das escolas As aventuras de Huckleberry Finn, unha novela que me fixo pasar horas moi felices na infancia, navegando coa imaxinación polo Mississippi abaixo. A razón son algunhas frases que se refiren aos negros nun ton que hoxe se considera incorrecto. A cambio, danlles a ler aos rapaces unhas obras impecables, onde cada palabra está coidadosamente meditada. É a mellor maneira de que lean os bos libros ás escondidas, que é como máis prestan.

(La Voz de Galicia, 31/3/1996)

 

 

3. Cuestións de xeografía

Teño un amigo profesor na universidade de Wisconsin que de vez en cando lles gasta bromas aos alumnos americanos. Por exemplo, entra na aula, abre o periódico e finxe ler un suceso catastrófico, con moitos mortos e algún horror adicional. Cando xa ten captada a atención dos rapaces, introduce o factor que máis lle interesa, un disparate xeográfico: por exemplo, o accidente tivo lugar na fronteira entre Francia e Romanía.

[…] A ignorancia xeográfica dos alumnos americanos é xa proverbial en España, onde se cita sempre como exemplo rotundo da incultura dos habitantes daquel país.

[…] O meu amigo repetiu a experiencia en varios cursos de alumnos españois universitarios, pero cunha lixeira variante: en vez de situar a catástrofe na fronteira entre Francia e Romanía, fíxoo no límite que separa a Almería de Málaga. O resultado foi similar. De onde se tiran algunhas conclusións. Primeira, que a ignorancia xeográfica está máis estendida do que parece. Segunda, que en cuestión de carencias culturais os españois non debíamos dicir nada dos americanos.

(La Voz de Galicia, 27/10/1991)

FICHEIRO TEMARIO

Idea: Que tal se nas portas de todas as aulas colocamos un escrito do autor que homenaxeamos este ano no Día das Letras Galegas que fagan referencia á materia ou a algún tema que se imparte en cada aula durante todo o mes de maio? Hai para todos os días: seleccionamos nada menos que 33 temas diversos. ¡Hai, pois, para todos os gustos!

1. Animais: Dereitos, malos tratos (29/12/1999). Un can con sombrilla (25/10/1994). O gato, o paxaro e a mioca (24/6/1994). Un pobre paxaro (28/03/1995). Historias de burros (24/10/1995). Manada (de gatos organizados): 31/7/2000. Unha nena, un pai e un coello (28/12/1996). Un neno e unha rata (22/10/1993). Un paxaro (come na man): 26/6/1998. Un can serio (25/6/1995). Historia dun rescate (22/4/1997). Cousas de paxaros (30/12/1997).

2. Arqueoloxía: Cálculos (22/3/1998).

3. Ciencia: A Ciencia (26/2/1999). Un capricho das células (30/7/1992).

4. Civismo: Ladróns de coches (27/12/1996).

5. Comunicación: Tarde de leria (24/3/1999).

6. Conflitos: Un pequeno escándalo (28/2/1994). Os insultos (23/1/1983).

7. Correos: Soños sen destino (21/12/1993). Un carteiro (27/4/1997).

8. Culpabilidade: Inocentes e culpables (23/6/1993).

9. Debuxo: A importancia dun debuxo (26/3/1996).

10. Deportes: Crónica dunha derrota (27/3/1998). Fútbol e literatura (31/5/1994).

11. Diario: O diario dun neno (28/1/1996).

12. Ecoloxía: Civilización (30/4/1999).

13. Emigración: Por una peseta (26/11/1992).

14. Enfermidade: Ser prudente (30/10/1997).

15. Escritor: Estudantes (29/4/1999).

16. Idiomas: Johan e Juanito (27/2/2002).

17. Linguaxe: Un problema de linguaxe (30/9/1997). Unha revolución lingüística (12/9/1995). Un canciño (25/10/1998).

18. Literatura: Pablo Neruda na memoria (29/3/1997). Un ramiño de flores (27/6/1992). Ler ás escondidas (31/3/1996). O diario dun neno (28/1/1966). Xeografía do corazón (22/11/2001).

19. Matemáticas: Pasatempo (24/2/1989).

20. Meteoroloxía: Milagre e pronóstico (27/7/1994).

21. Moda: Unha chaqueta branca (26/8/1996).

22. Morte: Adeus (30/1/1999). Un bicho pequeno e duro (28/2/1997). A morte dos bichos (27/1/1997). Abrigo de pel (23/1/1994).

23. Música na rúa: Músicos (2/11/1998).

24. Natureza: Samuel (23/3/1999). Un paseo pola lagoa (27/1/1998).

25. Pobreza: Unha pobre 822/4/1999). Pedir chorando (29/1/1995).

26. Relixión: Un crego (22/2/2000). Un santo feo (26/4/1994).

27. Risa: Aprender a rir (8/8/1996).

28. Saúde: A rebelión dos pacíficos (22/10/1994).

29. Semáforo: Unha moza nun semáforo (31/01/1998).

30. Sordomudos: Un mundo diferente (24/05/1996).

31. Vagos: Un estudante vago (21/6/1994).

32. Xenialidade: Cousas dun xenio (Einstein): 25/11/1996. Un sabio (S. Grisolía): 23/11/1997.

33. Xeografía: Cuestión de xeografía (27/10/1991).

 

Os artigos seleccionados podes lelos na seguinte dirección: http://blogs.lavozdegalicia.es/amarxedotempo/2017/02/