Plauto no súper da zona

LA VOZ DE LA ESCUELA

Compañías como Noite Bohemia potencian a afección aos clásicos con chiscos contemporáneos

09 abr 2014 . Actualizado a las 12:32 h.

Traxedias de Eurípides e comedias de Plauto poñen a proba do talento da compañía Noite Bohemia. Nacida no 2008, distínguese pola súa xuventude e por ser dúas veces galardoada co Nacional de Teatro. Estes profesionais son rapaces de instituto, dende primeiro da ESO ata bacharelato. Defenden a traxedia no escenario, «que pon aos seres humanos ao límite e ás veces supera aos actores, porque ten matices que se gañan coa experiencia vital», afirma Javier Fernández Mariño, director de Noite Bohemia. A alma do grupo entende que non se debe ir ao teatro como imposición, senón para pasar un bo rato. Este é obxectivo da coñecida como comedia palliata, que dito así, case move a mirar onde está a saída. Como oír falar de Plauto e do 254 antes de Cristo. ¿Logo non vistes a representación de Cásina? «A comedia romana está feita para facer rir; para rir e non pensar en nada máis. Movida por ese afán de entreter -conta Javier-, en cada sitio ao que chegaba Roma construía un teatro». Unha viaxe real, non figurada, a Italia para vivir de preto esa cultura da que vimos é a recompensa para o duro traballo que asome Noite Bohemia, grazas ao Premio Nacional de Teatro. Shakespeare, ao que tamén nos achegan en clave contemporánea estes rapaces, moitos do IES Menéndez Pidal, da Coruña, incorpora cousas das comedias de Plauto, da que son herdeiras, segundo Javier, series como Aquí no hai quien viva. Aí seguen os «estereotipos» que dan xogo (en Plauto, o adulescens, a esposa rabuda ou o fanfarrón).

«Os rapaces representan clásicos actualizados, que inclúen críticas a situacións como, por exemplo, a do pai que casa a filla con quen lle dá a gana», subliña Alicia Veres, da Asociación Cultural Zalaeta, vinculada á compañía. ¿Unha arte antiga? O Gadis vende flores neste regreso ao berce da civilización que propón Noite Bohemia.

A ARTE DE VIVIR OUTRAS CULTURAS

A escravitude, o poder, a tradición e os roles sexistas son algúns deses temas que non envellecen e que leva a escena o grupo Noite Bohemia na representación de clásicos que permiten aos rapaces, actores e espectadores, viaxar a outras culturas. «Os rapaces aprenden moito con esta actividade, que é moi solidaria. Amais de preparar o papel, acceden a outro momento histórico. Viven as culturas antigas con intensidade», di Alicia Veres, de Noite Bohemia.

Obxectivo: que o teatro caia da risa

«Os actores de Noite Bohemia entregan o seu lecer aos ensaios», explica Alicia Veres. O grupo está en xira, nun ritmo trepidante para conciliar os estudos coa preparación de obras como Cásina, Anfitrión, Ifigenia en Áulide ou Romeo y Julieta. As traxedias poñen enriba da mesa os sentimentos humanos puros, advirte o director da compañía, mentres que as comedias teñen o riso no centro da diana. Reggaeton, lambada e mesmo algunha referencia á filla da Pantoja na Roma de Plauto actualizan a comedia grecolatina. Outro xeito de aprender sen saber... ¡sen saber como controlar a risa!