Algunhas leccións dun mal proceso

Miguel A. Bastos Boubeta OPINIÓN

INTERNACIONAL

13 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O complexo e inacabado proceso de aprobación do brexit vai ter moitas consecuencias e moi probablemente algunhas delas inesperadas e fora do mundo da política británica. Máis alá das consecuencias económicas ou migratorias, que están aínda por verse, as súas consecuencias políticas fora do ámbito británico están por ser analizadas. O observador externo pode disfrutar do espectáculo dunha primeira ministra cun partido dividido en tres (pro May, probrexit duro e a favor da reversión do brexit), e cunha oposición tamén dividida entre partidarios dunha nova negociación e partidarios da permanencia, pero que parece inclinarse pola primeira postura e por unhas novas eleccións, postura esta última que parece vai ser o resultado deste enrevesado itinerario iniciado pola primeira ministra.

En primeiro lugar unhas eleccións, de incerto resultado, van dar lugar a lecturas non só na clave do brexit, senón en clave das nacionalidades británicas. O agora debilitado nacionalismo escocés ben puidera facer de novo bandeira da pertenza a Unión Europea como factor de mobilización nacionalista, dada a preferencia do electorado escocés pola continuidade de actual situación e porque este foi un dos factores que decidiu a favor do non no referendo de autodeterminación escocés. Máis complicada aínda e a situación no Ulster, cunha situación xa tensa e que conduciu a suspensión do seu parlamento. Lembremos que o principal atranco que ten a negociación do brexit é precisamente o referido a posibilidade de establecer unha fronteira dura entre o Ulster e a república de Irlanda. E lembremos tamén que os acordos de Pascua que puxeron fin á violencia nese territorio inclúen a posibilidade dun referendo no que se decida a relación co resto do Reino Unido. ¿Alguén pode dubidar que un reavivamento das tensións secesionistas nestes territorios non ía ter consecuencias na xa tensa política doméstica española?

Pero paradoxicamente as vicisitudes do brexit poden ter outra consecuencia inesperada, que é a de reforzar á Unión Europea, tal e como está concibida. Se ben é previsible o ascenso de forzas eurófobas en moitos países da UE, é sen embargo moi improbable que se repitan movementos encamiñados ao abandono da mesma. O brexit xa provocou a caída dun primeiro ministro (ou dous quizás) e a desestabilización política dun país até ese momento exemplo de estabilidade. Este mal exemplo, sumado a evidente capacidade política da Comisión Europea, que negociou moi ben, pode servir de vacina a outros gobernos tentados de repetir o proceso.