«Tuto Vázquez, meu pai en Mareas Vivas, era deportivista de corazón e sempre estabamos con ese pique»
-Ten traballado con multitude de deportivistas. ¿Existe pique?
Si, pero sen ningún problema. O meu pai en Mareas Vivas, Tuto Vázquez -eran Ramón e Ladislao Couto na serie- , xa falecido, era un deportivista de corazón e eu celtista. Sempre estabamos con ese pique na ficción de pai e fillo, pero entre os compañeiros moi ben sempre. De feito xoguei na ida o derbi dos artistiñas, que é verdade que me pitaron un penalti inxustísimo -risas- pero ben, a cousa hai que vivila coma este ano, sen incidentes, cunha rivalidade deportiva e punto.
-¿Tenlle tocado interpretar algún personaxe que se caracterizara por seguir ao equipo rival?
-A verdade é que non. Fixen un que era do Compostela e do Obradoiro porque o decidín eu, pero deportivistas non. En cambio do Celta xa me tocou un par de veces e non me costou nada, claro.
-Nunca ocultou a súa afección polo Celta. ¿Coméntanlle algo os afecciondos blanquiazuis que o recoñecen pola rúa?
-Bua, moitas veces, por suposto. Un dos meus primeiros espectáculos, hai 25 anos, chamouse Directamente Paco e eu poñía unhas gafas de realidade virtual e vía ao Celta gañar a Copa de Europa. Fíxeno na Coruña nun instituto de rapaces e foi complicado, ¡puxéronse como tolos! Pero tanto tiña, o espectáculo era así, se lles gustaba, ben, se non, tamén. Eu vou, actúo, digo que son celtista e por fortuna a xente ten cabeza.
-¿Cales son as primeiras lembranzas que garda en relación co equipo?
-De pequeno lembro máis ir aos campos do Arousa e do Pontevedra. O de ir a Vigo xa foi máis na adolescencia, algunha vez que me levou meu pai e logo cos amigos, foi aí cando optei máis polo Celta. Recordo moito coñecer a Gudelj e os equipazos con Mostovoi, Karpin, Míchel Salgado e toda aquela xente.
«Fago proselitismo pola causa co meu sobriño Roque, que por agora é máis do Madrid ca do Celta»
-¿E na casa tamén estivo rodeado de celtismo?
-Si, teño que recoñecer que na familia hai bastante madridista, pero digamos que si. O fillo é bo rapaz pero saíu culé, que lle imos facer, aínda que vive en Vigo e tamén lle ten cariño ao Celta. E logo estou inculcando o celtismo ao meu sobriño Roque, un fenómeno de dez anos ao que xa levo a Balaídos. Era do Barcelona, fíxose do Madrid e agora confío nunha terceira transmutación. Agora mesmo é máis do Madrid que do Celta e a miña misión é que sexa ao revés. ¡Hai que facer proselitismo pola causa! Dígolle que ser do Madrid é facilísimo, pero ser do Celta é o que realmente é chulo.
-Hai pouco intercedeu para que Marcos Pereiro e Xosé A, Touriñán gravaran un sketch na Illa cos Carcamáns, ¿como foi?
-Somos amigos e como saben que vivo por aquí, puxéronse en contacto e fixeron un sketch divertidísimo. Son declarados deportivistas, pero xente moi sensata. Víanse aquí acorralados, o outro ía ao baño bicar o cromo de Arsenio... Pero nun clima de bo rollo. Son uns tipos magníficos a pesar de ser deportivistas (risas).
«O clube nunca estivo tan ben dirixido coma agora»
-¿Como ve ao Celta actual?
-Creo que nunca estivo tan ben dirixido. Hai boa sintonía entre directiva e afección, algo que poucas veces pasou, e un proxecto serio de futuro. Non quero ser pelota, que non adoito selo, pero creo que ao presidente hai que agradecerlle o que fixo por este equipo, permitíndonos disfrutar do fútbol que estamos disfrutando.
-¿Aposta por un Celta europeo o próximo curso?
-Entendo que é lícito querer ir a máis, pero preocúpame un pouco o síndrome europeo, o cansancio de xogar mércores e domingo, que requeriría unha plantilla máis longa. Eu aboaríame a ser oitavo, disfrutar sen sufrir e sen ir a Europa. Pero penso que si que o van conseguir e que o ano que vén veremos partido do Celta na UEFA.