Carcamáns, mar e celtismo como sinais de identidade

ZONA CELESTE

Carcamáns, en The Movie, a súa sede viguesa, en Balaídos.
Carcamáns, en The Movie, a súa sede viguesa, en Balaídos. CEDIDA

A da Illa é a peña máis multitudinaria con 725 membros, o 70 % deles, mariñeiros

05 mar 2015 . Actualizado a las 16:41 h.

Arredor dun 15 % do censo da Illa de Arousa pertence a Carcamáns. Fundada en 1998, os seus 725 membros convértena na peña celtista máis multitudinaria e permítenlle gañar por goleada ás outras tres rexistradas na vila: as de simpatizantes de Madrid, Barcelona e Deportivo (ningunha delas acada o centenar de integrantes). Pero o presidente deste colectivo, Bele Dios, fai fincapé en que as cifras son o de menos. O de máis é apoiar a un equipo que consideran a súa  «relixión» -«pero sen fanatismos», matiza- e, de paso, levar fóra o nome de Galicia.

Porque Carcamáns é a peña da viaxe en catamarán en medio dun temporal para ver un Celta-Xetafe, e tamén a que primou con mexillóns ao Athletic e á Real Sociedade para que o club vigués puidese salvar a categoría. Pero tamén son un grupo de celtistas constituído nun 70 % por «xente do mar» que fai verdadeiros sacrificios para estar cada quince días en Balaídos. «Temos ido a partidos de UEFA, de Champions e tantos domingos de chegar á casa, poñer as botas e o traxe de augas e marchar ao mar. Tamén á inversa: chegar de traballar, darse unha ducha rápida e saír cara a Vigo», expón. Alí, no mar, atópanse con compañeiros seguidores do eterno rival: «Na Illa coñecémonos e respectámonos todos. Hai os típicos piques, pero enriba do barco convive xente de Celta e Deportivo sen problema, como ten que ser».

Membros do colectivo da Illa, na súa viaxe en catamarán para presenciar o Celta-Xetafe en setembro do 2012.
Membros do colectivo da Illa, na súa viaxe en catamarán para presenciar o Celta-Xetafe en setembro do 2012. XOAN CARLOS GIL

O vencello da Illa co mar é precisamente o xerme de que o celtismo conseguise tal arraigo no municipio. «Cando eu era neno, ías a Balaídos como algo extraordinario. A ponte da Illa é do ano 85 e desde aquela moita xente que traballaba a ameixa na Ría de Vigo quedaba a ver o partido. Iso foise transmitindo de avós a netos», salienta. Na peña teñen integrantes de todas as idades, incluídos «os recén nacidos con pais que queren que teñan o chupete do Celta o primeiro día» e os maiores que «sofren co equipo desde hai 50 anos e cando volven os autobuses de Vigo están esperando para que lles expliques por que perdeu o equipo». Os que si se desprazan son un mínimo de de 150 que nunca faltan á súa cita en Marcador. Teñen levado ata oito autobuses. Ademais, procuran organizar polo menos dúas viaxes, mentres que os restantes partidos a domicilio vívennos na súa sede, a Taberna dos Baláns.

Dios asegura que hai unhas cantas cousas das que se sinte orgulloso nestes anos á fronte de Carcamáns. Unha das fundamentais é inculcar o celtismo aos cativos. «Movemos moita rapazada. Intentamos fomentar que antes de achegarse ao Madrid ou ao Barcelona coñezan ao Celta, ao equipo da terra», di o presidente. E pensa que o conseguiron en gran parte grazas á dedicación dunha directiva entregada. «Quítanselle horas á familia e faise como se fose un traballo, pero sen cobrar. Non queremos deixar atrás a ninguén e, nesta época de crise, loitamos para conseguir os cartos e manter o carné a peñistas e socios que levaban máis de dez anos e que atravesaban dificultades económicas. Lograr iso é unha delicia».

A agrupación ten integrantes de todas as idades.
A agrupación ten integrantes de todas as idades.

Entre os mellores intres vividos polos membros da peña como tal están o último ascenso, a salvación do 2013 ou a visita de Rafinha e Charles o ano pasado no seu 15º aniversario, acontecemento que «nun pobo tan pequeno foi como Benvido, Mr. Marshall», ironiza. No apartado das anécdotas, chegaron a ver a súa bufanda en mans dos pilotos Marc Márquez, Valentino Rossi e Jorge Lorenzo e mesmo do Papa. Entre os peores é inevitable mencionar os descensos e as épocas onde os resultados non acompañaban, pero relativizando. «Eu sufro moito e quedo sen uñas. Pero sabemos que é fútbol: hoxe gañas, mañá empatas e pasado perdes. Os verdadeiros malos momentos son perder a peñistas que van morrendo e dos que logo te lembras en cada partido. Somos unha familia».

Entre os soños de futuro están «ver a un xogador da Illa vestir a camiseta do Celta» e que chegue un título, porque «o celtismo o merece, comezando polo superpresidente que é Mouriño». Mentres, confórmanse con pertencer a unha afección que goza de moi boa saúde. «Onde se viu que despois de dez xornadas sen gañar se organice un bengaleo como o do Córdoba e se anime os 90 minutos. Dá gusto ver a xente nova, pais con fillos... E a relación entre as peñas é marabillosa», celebra.

Gudelj e o presidente, Bele Dios, na celebración dun aniversario da peña.
Gudelj e o presidente, Bele Dios, na celebración dun aniversario da peña.

O seu presidente resta importancia aos incidentes que se viviron hai unhas semanas -«Carcamáns segue adiante», insiste- e finaliza lembrando que máis vale calidade que cantidade: «Cando máis medramos nós foi nas épocas de Segunda. O clube daba entradas para nenos que hoxe teñen carnés, porque quen sementa, recolle. Gustaríanos chegar a mil membros, pero que o fagamos nós e todas as peñas que sexa posible ata deixar pequeno Balaídos. Aínda así temos claro que mellor 20.000 incondicionais que 50.000 que non o sexan». 

Viñeta de Pablo Rosendo coa peña Carcamáns como protagonistas.
Viñeta de Pablo Rosendo coa peña Carcamáns como protagonistas. pablo rosendo