Carta aberta de Marián Mouriño a Madonna para atopar a camiseta celeste que luciu en Balaídos en 1990: «Tela ti?»

LA VOZ VIGO

GRADA DE RÍO

Madonna, coa camiseta do Celta, no seu concerto en Balaídos no verán de 1990.
Madonna, coa camiseta do Celta, no seu concerto en Balaídos no verán de 1990. Victor de las Heras

O Celta publica unha misiva da presidenta á cantante americana na que tamén anuncia que se lle dedicará «un xesto agarimoso» no estadio antes do partido ante o Real Madrid

04 mar 2026 . Actualizado a las 18:38 h.

O Celta publicou na mañá deste martes unha carta aberta da presidenta do club, Marián Mouriño, á cantante Madonna. O club, nunha nova campaña, diríxese deste xeito á intérprete que nun concerto en Balaídos no verán de 1990 luciu a camiseta do equipo vigués, unha prenda que agora se propoñen localizar, preguntado directamente á protagonista se a ten ela no seu poder.

O texto comeza poñéndoa en antecedentes sobre os feitos. «O 29 de xullo de 1990 actuaches no estadio do Celta de Vigo, o club de fútbol do que son presidenta. Aquela noite vestiches a nosa camiseta celeste. Esa lembranza segue moi viva entre a nosa afección. A túa imaxe coa nosa camiseta converteuse nun mito e forma parte desa historia do Celta que tamén se escribe fóra do terreo de xogo», expresa nestas liñas.

Despois, sinala que máis alá da anécdota que moitos poden ver nisto, a ela gústalle pensar que «nada sucede por casualidade». E prosegue: «Aínda que non foi a única camiseta de fútbol que vestiches sobre un escenario, esa imaxe comezou a brillar doutro xeito co paso dos anos. Porque entendemos mellor o que defendías daquela: cuestionar o establecido e facer fronte a quen pretende dicirche o que podes ou non podes facer. No club que presido recoñecémonos nesa maneira de estar no mundo. Por iso temos a ilusión de atopar esta prenda».

O texto de Marián Mouriño subliña que «esta procura non é un capricho; é un acto de memoria, é patrimonio emocional» do seu club. Ademais, anuncia que esta iniciativa estará presente este venres, no partido ante o Real Madrid. «O vindeiro venres 6 de marzo queremos dedicarche un xesto de agarimo desde a nosa casa, o estadio de Balaídos. Será a partir das 20.45 h, antes do partido Celta - Real Madrid, coa intención de formularche con cariño esta pregunta: 'Tela ti?'. Se sabes onde pode estar ou queres axudarnos, por favor, contacta por mensaxe privada. Con admiración, Marián Mouriño Terrazo».

A través da súa páxina web, o club afonda nesta iniciativa, asegurando que o rastro da elástica perdeuse tralo recital, permanece en paradoiro descoñecido desde entón e «o club levaba anos buscándoa en privado», se ben «a investigación quedou estancada» e por iso, aseguran, dan este paso agora. «Trinta e seis anos máis tarde, o club lanza un chamamento a todo o celtismo co obxectivo de localizar a camisola, coa intención de incorporala ao seu arquivo histórico. Para o Celta, trátase dunha peza única e irrepetible que forma parte do seu patrimonio emocional», engaden.

Así, expoñen que «o club agradece calquera información relevante sobre o paradoiro da camisola que Madonna vestiu sobre o escenario de Balaídos». Con ese fin, habilitouse unha ligazón para recibir as informacións relacionadas coa prenda.