Uñas pintadas en Balaídos contra a homofobia e para «espertar conciencias» 

M. V. F. VIGO

GRADA DE RÍO

<span lang= gl >Uña pintada cun oso panda no vídeo de anuncio da fichaxe de Borja Iglesias polo Celta o pasado verán.</span>
Uña pintada cun oso panda no vídeo de anuncio da fichaxe de Borja Iglesias polo Celta o pasado verán. RC CELTA

A peña Carcamäns lanza a proposta tralos insultos a Borja Iglesias; «indígname pensar que este será o mundo que lles quede ás miñas fillas», di a impulsora, Carla Cabaleiro 

15 ene 2026 . Actualizado a las 10:59 h.

Cando Carla Cabaleiro, vinculada á peña Carcamäns, escoitou pola radio que o xogador do Celta Borja Iglesias recibira en Sevilla, unha vez máis, insultos homófobos, pensou que había que facer algo e non quedar de brazos cruzados. De aí xorde a proposta de que o celtismo pinte as uñas no partido desde domingo. «Que hoxe en día prime clasificar á xente polos seus gustos, por de onde vén, por se ten cartos ou non paréceme incrible», di esta celtista de Sabarís, nai de dúas fillas de catro e un ano, Xela e Xana, que «saben que só hai dous tipos de persoas: boas e malas». Ela defende que iso é o único que ten que interesar, e non a vida privada de ninguén, por iso decidiu tomar a iniciativa.

Aínda que desde o nacemento das cativas está algo máis desvinculada do fútbol, decidiu poñerse en contacto co presidente da súa peña de sempre, Bele Dios, e lanzar a idea de promover que a afección do Celta vaia esta fin de semana a Balaídos, con motivo do encontro fronte ao Rayo Vallecano, coas uñas pintadas en sinal de apoio a Borja e contra as actitudes de odio. «Indigneime pensando que este vai ser o mundo que lles quede ás miñas fillas. Pensei darlle unha volta dunha forma sarcástica e irónica, igual ca fixo el, non poñéndose á súa altura», desmiúza. E enviou un audio a Bele coa suxestión, que calou desde o primeiro momento.

Cabaleiro, que non pinta as uñas «na vida» -«Borja pintounas máis veces ca min seguro»-, pensou que se o celtismo o fai pode ser «un golpe de efecto moi ao estilo tanto de Carcamäns como de Borja», afirma. E foi contarllo a Bele e «involucrarse el por completo». A peña volcouse para propoñelo a través de redes sociais -Carla presume de vivir «a vida real» allea a estas canles- e outros colectivos celtistas como Le-Chuzas Celestes Blau Cel ou Merlegos Celestes -que mesmo propón pintado de uñas na sede antes da viaxe a Vigo- se adheriron de inmediato. «Foi unha idea flash que me veu á cabeza pensando en que non podemos permitir estas cousas e ollar cara outro lado. Eu mandei o audio e xa quedou nas súas mans», detalla.

Foi este mércores á mañá cando a través das redes de Carcamäns viu a luz a idea. «Pois nós este domingo imos ir coa manicura feita e as uñas pintadiñas. Quen se apunta?», escribiron pasadas as 11.00, mencionando o tuit no que o Celta lle mandara apoio a Borja e condenara o sucedido no Sánchez Pizjuán. «Eu non volvín mirar o móbil ara a noite, e alí xa vin que me dicía Bele: ‘Hai que ver a que liaches’. Estiven completamente allea», pero parécelle xenial que transcendese e que haxa xente disposta a falar a través deste xesto.

A presenza de Cabaleiro en Balaídos diminuíu nos últimos anos polas nenas e non sabe se poderá ir ao partido do domingo. «De Carcamäns seguro que pintará as uñas o 100 %, non teño a menor dúbida. Eu se isto esperta un pouco algunha conciencia, xa me dou máis que por satisfeita, aínda que o vexa en fotos. Farame feliz porque é importante», di. Tamén subliña que condenaría estas actitudes contra calquera persoa, con independencia de que o afectado sexa aquí un xogador do seu equipo, e de como sexa este. «Borja é un fenómeno, pero se fose un provocador ou un cretino, tampouco estaría xustificado. Temos que ser todos máis respectuosos co veciño», finaliza esta celtista de 41 anos.

Da iniciativa de Carla, moi aplaudida, fixéronse xa eco tamén o conselleiro do Celta Miguel Álvarez, a eurodeputada Ana Miranda ou Amnistía Internacional Vigo, entre outros. «A idea xurdiu de Carla, consultámolo entre nós e pareceunos xenial», conta Bele, que non dubidou en darlle visibilidade. A súa peña xa ten sido noticia por iniciativas curiosas como as viaxes a Balaídos en catamarán, as primas de mexillóns ou o peñista que fixo a pé o percorrido da Illa a Balaídos esta tempada; agora, amosan a súa cara máis reivindicativa. O domingo, a raíz do seu chamamento, Balaídos berrará contra a homofobia e odio... a través das uñas do celtismo.