O adestrador representa mellor que ninguén o proxecto actual do Celta
10 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Omesmo día que o Oviedo anunciou a destitución de Paunovic, o Celta confirmou a terceira revisión do contrato de Claudio Giráldez dende que accedeu ao primeiro equipo. Unha cuestión curiosa, porque os dous equipos están empatados con seis puntos na zona baixa da clasificación, pero fóra do descenso, e incluso os carbayóns foron quen de gañar dous partidos, algo ata agora prohibitivo para a tropa celeste.
A diferenza podería estar no proxecto e na idea. Non é nada novo definir ao Celta como un club de canteira, pero da man de Claudio, a entidade foi un paso máis alá. A día de hoxe, o adestrador do Porriño representa mellor que ninguén os valores e o proxecto deportivo do club. Por iso, se é principal valor, o mellor é que estea blindado e a gusto.
Asume Giráldez que os adestradores están suxeitos a resultados, tan topicazo como verdade absoluta. Nese contexto, ao Celta seríalle máis doado aparcar a negociación que estampar a sinatura, pero Marián Mouriño elixiu a segunda vía; con risco, pero coa firme convicción de que a filosofía deste club vai moito máis alá dunha xeira puntual de resultados. Chegados a este punto, resulta imposible non lembrarse do momento Braulio Vázquez no Osasuna, cando o director deportivo deixou claro no peor momento de Jagoba Arrasate que se o barco acababa nas rochas, sería co seu capitán dentro. A eliminación da cláusula de escape válida para as dúas partes e deixar o contrato case pechado ata o 2027 é a declaración máis parecida a aquel senlleiro día no Sadar.
O acordo tamén pon en evidencia a aposta das dúas partes. O Celta revisou o contrato do louriñés en tres ocasións en pouco máis dun ano e o adestrador cínguese a dicir unha e outra vez que estaba onde desexaba estar, sen entrar en cantos de serea. Claudio sempre dixo que a súa máxima aspiracións era adestrar ao primeiro equipo e agora vai camiño de converterse nun dos técnicos con máis anos no banco celeste. A mellor noticia para un club cunha aposta clara.