
Igual é necesario un pouco máis de carga táctica para sentar as bases da tempada do Celta e, logo, ir reforzando cada semana. É certo que Claudio Giráldez ten moito avanzado porque a plantilla xa coñece o xeito de traballar do adestrador, pero seguro que agora quere asentar as liñas mestras porque seguro que haberá evolucións e variacións con respecto á tempada pasada, aínda que seguro que o técnico non vai mudar o seu estilo de xogo, que leva facendo o mesmo dende infantís e é a forma na que se sinte ben. É un adestrador cunha convicción do que pode facer ben e faino.
Non creo que inflúa tampouco que vaia xogar dous partidos á semana á hora de preparalos porque ten un equipo moi grande de traballo, de scounting e analistas e eu sempre digo que os adestradores lles quitamos horas ó sono e as familias para sacar o traballo adiante. A vida dun adestrador é vivir diante dun adestrador.
O xogar un mínimo de 46 partidos a vindeira tempada non creo que signifique unha carga superior ao de outros anos, considero que haberá unha carga maior de traballo preventivo e pode que o arranque non sexa tan impetuoso como o do ano pasado porque o equipo ten que dosificar. Neste aspecto, Giráldez ten unha virtude moi boa que son as rotacións, que seguro lle vai dar moita vida a este equipo.
Non teño dúbida de que se non son 46 onces diferentes, serán polo menos 40 ou máis. Claudio utiliza moito as características individuais dos xogadores para facer un colectivo máis potente. Aí radica a súa forza.