O ourensán Jorge Paz percorreu miles de quilómetros para presenciar partidos coa súa camiseta do Celta
28 dic 2016 . Actualizado a las 19:53 h.Di Jorge Paz que desde a súa óptica «o fútbol pola tele non é fútbol». A el, seareiro do Celta, encántalle este deporte e entende que a única maneira de gozalo de verdade é en directo. E esa idea foi a que o levou a vivir partidos «nuns 600 campos de todo o mundo», calcula. Ten viaxado por España e Europa co equipo vigués, pero non queda aí, senón que tamén acode a encontros doutras ligas, de mundiais e de eurocopas. Todas esas aventuras teñen algo en común: máis ou menos visible, sempre leva enriba a celeste e maila camiseta da UD Ourense, da que tamén é seguidor ademais de directivo.
Malia á tradición celtista da súa cidade, o seu non vén de familia nin da infancia. Xurdiu máis tarde, pero de que maneira. «A finais dos 80 fun estudar a Vigo. Daquela non había autovía e pasabas tres ou catro meses sen ir á casa. Como vivía preto de Balaídos e me gustaba o fútbol, comecei a ir», rememora. Presume de que se aboou o día que o equipo baixou a Segunda no curso 89/90. E unha vez que se sentía celtista tiña a necesidade de acompañar ao equipo partindo da súa premisa de que non entende «ser dun equipo ao que non podes ir ver nin animar».
Chegaron así as súas primeiras viaxes co Celta con destino ao País Vasco. «Aproveitaba que meu irmán estudaba allí. Creo que a primeira foi a San Mamés no 93, que gañara o Celta con gol de Gudelj. Aquel ano fun a Anoeta, que se inugurara. E tamén adoitaba ir a Madrid». A frecuencia das escapadas foi medrando e a día de hoxe cando sae o calendario xa comeza a facer plans. «Como son mestre xa vou mirando a Semana Santa, o Entroido, se hai algunha ponte… Os campos dos equipos que están agora en Primeira xa os percorrín todos, agora o soño é ver gañar ao Celta en todos», confesa. Lós Cármenes é dos poucos que ten pendentes nese sentido.
Gústalle programar os desprazamentos con tempo entre outras cousas polo factor económico, que non é baladí. «Se podo collo hoteis e biletes canto antes, aínda que corres o risco do cambio de horario. O ano pasado tiña todo pagado para Las Palmas e perdín 150 ou 200 euros. Para o norte queda o recurso do coche, pero non sempre se pode», lamenta. Para mundiais e eurocopas merca como mínimo un ano antes para financialo e que saia máis barato. «Fago contas e busco moito. Barato non é, pero con tempo sae mellor».
A estas alturas estar rodeado dos seus case é o menos habitual. «Normalmente non levo camiseta nin bufanda á vista, métome entre os afeccionados locais para evitar líos. Cando podo levala con tranquilidade xa se fai raro», admite. Algunhas das súas viaxes máis especiais viviunas en San Siro -«o gol de José Ignacio é dos que quedan para toda a vida», Highbury, Palermo ou o recente de Atenas. «Cando viaxas por Europa co Celta sempre é especial, e se é con vitoria, aínda máis». Sen ser cos celestes marcáronlle «as finais dos mundiais, sobre todo Maracaná, que era un soño». Para ese partido non tiña entrada e chegou a pagar 1.500 euros, «unha animalada, pero era Maracaná».
Soños por cumprir son, por exemplo, o de Moscova e o Azteca de México, país que lle resta por visitar. «En España, Italia, Alemaña e Inglaterra estiven en case todos», conta. E queda con dous como os seus preferidos polo ambiente que se vive. «O do Borussia ten capacidade para 82.000 persoas e van de media 81,5 e o do Celtic tamén é impresionante. Logo polo tamaño impactan Wembley, o Camp Nou, o do Bayern de Múnich… Un montón deles que están ben, pero para visitar recomendo eses dous. Aos que lle gusta o fútbol quedan encantados».
Fixo loucuras celestes como ir ao debut de Aspas co Liverpool ou ao de Nolito co Manchester. Tamén adoita acompañar ao equipo nas pretempadas aproveitando as súas vacacións. E, por suposto, viaxaba en Segunda. «Incluso había máis ambiente, xente nova que empezaba a engancharse e moita ilusión, sobre todo nas tempadas de Herrera», valora. Nese tempo coñeceu a moitos amigos celtistas. «Igual que cando viaxo o fútbol é unha escusa para facer turismo e saír, cando vou a Balaídos tamén me gusta quedar coa xente antes e despois. Se non é unha paliza ir só para o partido e sen saber como vai ir a cousa no campo».
Cando xoga o Celta, Jorge ten claro con quen vai. O mesmo co Ourense. A partir de aí, pequenas simpatías. «Eu son do Celta. Logo teño outros que me caen ben. E se xogan Juventus e Empoli pois vas co Empoli porque empatizas cos febles aínda que saibas que vai perder. Pero sofres menos, buscas que sexa bonito e entretido». Recoñece certo cariño polo Hamburgo, que loita por salvarse. «Dentro dun mes vou ir ver un partido seu», anuncia. E engade que mesmo ten viaxado a ver fútbol a Xapón. «Quitando Austrialia, quédanme poucos sitios».
E así como hai estadios que visita con frecuencia, asegura que non hai ningún ao que xurase non retornar. «Tiven algo de medo na semifinal entre Brasil e Alemaña co 0-5 ao descasno. Mesturábase a situación política e mentres uns animaban outros metíanse co equipo e coa presidenta. E eu alí no medio coa camiseta do Celta. Logo en Sudáfrica os arredores dalgúns estadios eran perigosos e facíase de noite moi cedo». Máis ca iso fastídianlle os «campos malditos» do Celta. «A Vallecas o ano pasado xa non fun. E en Santander tamén perdiamos sempre, como agora en San Mamés. Pero moita manía non lle teño a ningún».
Prefire «un Gondomar-Valadares en directo que un Madrid-Barcelona pola tele» porque pensa que «ser dun equipo é ser partícipe, acompañalo, animalo, vivir o ambiente». Iso é o que lle gusta dun «tinglado mafioso que deixa bastante que desexar», pero do que queda cos aspectos que lle interesan. «Gústame a parte social, coñecer as orixes dos equipos, a historia e desfrutar da parte boa sabendo o que hai». Esa parte boa é a que lle ten levado a percorrer o mundo. E o que lle queda.