«Padre Casares» arrasa con un 23% de cuota en su segundo capítulo.

24 ene 2008 . Actualizado a las 14:57 h.

A Galega ten na ficción propia a mellor das súas bazas para fidelizar a unha audiencia soberana grazas a esa ferramenta diabólica que é o mando a distancia. Vai tan sobrada de oportunidades, que basta con darlle ao dedo para que a pantalla vire a calquera das canles que andan na procura do mesmo obxectivo: conseguir espectadores. A comedia é o camiño máis doado para gañar a partida, e as chamadas sitcom son a baza perfecta. Semella o caso de Padre Casares, costumista e coral, que ten en Pratos combinados o exemplo máis lonxevo. De principio a serie de Voz Audiovisual ten todos os triunfos na man para liderar a noite dos martes pese a Los hombres de Paco (Antena 3), House (Cuatro), Los Serrano (Telecinco) e Hijos de Babel (La Primera).

Certo que Padre Casares traballa con vimbios coñecidos, pero o segredo está nos cestos. Na ficticia San Antón de Louredo, o novo crego Horacio Casares, o vello don Crisanto e mais o alcalde ateo Delmiro, recrean os seus desencontros xunto a outros secundarios como corresponde ás tramas corais que funcionan ben cando son lixeiras, beben das fontes cotiáns e reflicten situacións comúns en clave de farsa. Os tropezóns entre crego integrista e alcalde comunista gozan dunha ampla tradición que parte do Peppone e Don Camilo creados pola pluma de Giovanni Guareschi. Desde aquela, velaí. Engádase un equipo técnico-artístico con oficio, uns guións lixeiros e ben trabados e a espléndida vila de Redes, e o resto ben andado. Unha vez máis, o segredo está en dar co singular.