Rueda insiste en Bruxelas nun reparto de fondos europeos que estea descentralizado
GALICIA
O presidente galego defendeu no pleno do Comité das Rexións a postura común das comunidades e o Goberno central. Tamén amosou as inquedanzas sobre o futuro da PAC e da política pesqueira
04 mar 2026 . Actualizado a las 21:03 h.O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pechou a súa visita a Bruxelas no pleno do Comité Europeo das Rexións. Rueda interveu no debate sobre o Marco Financeiro Plurianual 2028-2034, onde transmitiu a postura común española sobre o reparto de fondos e amosou as inquedanzas galegas sobre o futuro da PAC e da política pesqueira. «O lugar e o momento son oportunos porque nestes meses vaise decidir o novo marco financeiro plurianual», explicou Rueda. O presidente insistiu na postura de Galicia e do resto das comunidades autónomas contraria a unha posible rebaixa dos fondos de cohesión. «Entendemos que hai outras prioridades na Comisión, pero non pode ser a costa destes cartos».
Tamén defendeu unha maior presenza dos entes rexionais no reparto de fondos, como se fai ata agora. Na proposta do novo orzamento comunitario, a Comisión quere un reparto máis centralizado a través de plans estatais, dun xeito semellante ao dos fondos Next Generation. «Temos que estar no seu deseño e a súa planificación. É o que permite que se invistan ben e sexan realmente transformadores», insistiu. Neste eido, agradeceu a postura común das comunidades co Goberno central, que deberá defendela no Consello Europeo. Previamente, o presidente participou na reunión da delegación española no Comité das Rexións, que actualmente preside.
Pola tarde, o xefe do Goberno galego compareceu no debate do Comité Europeo das Rexións sobre, precisamente, os vindeiros fondos europeos. Na súa intervención, Rueda evocou a postura común española, recollida na chamada Declaración Galicia. «Non nos vale a nós nin ao Goberno de España un sistema no que os Estados reciban todos os fondos e decidan como se teñen que distribuír».
Sobre o futuro da PAC, propuxo unha política agraria cun enfoque rexional e con menos burocracia e, no eido pesqueiro, amosou a súa preocupación pola perda da competitividade europea e o perigo respecto a terceiros países «que traballan con menos garantías». Este discurso é case igual ao defendido polo presidente da Xunta na súa anterior visita a Bruxelas o mes de decembro. Dende o seu equipo explican que a postura non cambiou nestas primeiras semanas do ano e que, ademais, houbo ocasión para trasladarlla ao comisario de Cohesión, o italiano Raffaele Fitto.
Sobre as ameazas estadounidenses a España, Rueda confesou o seu malestar pero situounas dentro dun incumprimento do Goberno cos compromisos coa OTAN ao non permitir o uso das bases de Rota e Morón de la Frontera. Ademais, describiu a oposición de Pedro Sánchez aos ataques en Irán como partidista e unilateral. Rueda tamén saudou á expedición da Deputación de Ourense que visita as institucións europeas estes días. Participou na foto da expedición xunto aos eurodeputados Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez. O presidente da Deputación, Luís Menor, destacou a importancia dos fondos europeos nas políticas «que contribúen á transformación da provincia».