Pontón denuncia un boicot da Xunta á reunión que tiña co comisario co que se entrevistou Rueda

GALICIA

Ana Pontón coa eurodeputada do BNG Ana Miranda.
Ana Pontón coa eurodeputada do BNG Ana Miranda.

A voceira nacional do BNG falou coa eurodeputada belga que impulsou o envío do acordo co Mercosur ao Tribunal de Xustiza da UE

03 mar 2026 . Actualizado a las 21:04 h.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, comezou hoxe martes unha visita ás institucións europeas en Bruxelas marcada pola cancelación do seu encontro previsto co comisario de Agricultura, Christophe Hansen, que si recibiu a Alfonso Rueda. Malia o contratempo, que desde o BNG atribúen a unha interferencia da Xunta, a voceira nacionalista mantivo diversas reunións sobre a oposición ao tratado comercial entre a UE e Mercosur.

«É un feito moi grave, denota pouco respecto á democracia e ao pluralismo e deixa en evidencia ao PPdG e a Rueda», denunciou Pontón. Tras o anuncio da cita por parte do Bloque, informan desde o partido que se modificou o horario da mesma varias veces ata informar da anulación definitiva. Segundo fontes da organización, o encontro estaba orixinalmente proposto para as 16 horas, a mesma franxa na que Alfonso Rueda falou con Hansen. Tanto desde o Goberno como desde a oposición afirman que os seus encontros levaban programados desde hai varias semanas.

Pola súa parte, Alfonso Rueda dixo que si Pontón «tiña unha reunión ou non, non o sei, e se houbo unha cancelación escápaseme absolutamente. Non houbo presións de ninguén», afirmou antes de cuestionar os coñecementos da líder nacionalista «sobre como funciona Europa».

Malia a cancelación, a portavoz nacional continuou a súa axenda de contactos con eurodeputados na procura de apoios contra o acordo con Mercosur. Pola tarde, falou coa eurodeputada belga dos Verdes/ALE, Saskia Bricmont, compañeira de grupo parlamentario da nacionalista Ana Miranda e unha das principais impulsoras no Parlamento Europeo de trasladar ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) unha cuestión sobre a legalidade do pacto. «Imos seguir sumando esforzos para rectificar unha decisión incoherente».

«Unha parte do noso futuro xógase aquí, necesitamos unha voz firme e clara en defensa dos nosos intereses», declarou a líder do BNG no Parlamento Europeo. «Non queremos un tratado que o que fai é poñer en risco a viabilidade de moitas das nosas explotacións gandeiras», dixo antes de engadir que «eses produtos que van entrar desde Sudamérica non teñen os mesmos requirimentos que a produción europea, os nosos gandeiros compiten en desigualdade de condicións». Tamén asegurou que o Bloque quere defender os intereses dos galegos «mentres Rueda vén a bendicir un acordo que prexudica a unha parte moi importante da nosa economía».

Tamén criticou a entrada en vigor provisional «completamente arbitraria» do tratado tras a ratificación de varios países latinoamericanos. Sobre as salvagardas aprobadas pola Eurocámara en febreiro para defender a produción comunitaria, Pontón referiuse a elas como «papel mollado» ao non ter sido negociadas cos países latinoamericanos e tamén pola imposibilidade da súa implementación.

O mércores, a líder nacionalista ten programada unha reunión con Raffaele Fitto, vicepresidente da Comisión Europea e encargado da política de cohesión, o desenvolvemento rexional e as cidades. Este encontro enmárcase no debate sobre o futuro dos fondos rexionais no vindeiro Marco Financeiro Plurianual. Ana Miranda, a única eurodeputada galega na comisión de Desenvolvemento Rexional do Parlamento Europeo, lembrou que neste ámbito «Galiza estase a xogar moito».