O galego Nicolás González Casares liderará a observación das eleccións colombianas polo Parlamento Europeo

José G. Santalla
Jose G. Santalla BRUSELAS / E. LA VOZ

GALICIA

Nicolás González Casares.
Nicolás González Casares. Eric Vidal

Ana Miranda tamén participará na expedición electoral a Colombia, na que xa participou no ano 2022

25 feb 2026 . Actualizado a las 17:58 h.

O eurodeputado do PSdeG, Nicolás González Casares, foi escollido para presidir a delegación da observación electoral do Parlamento Europeo nas eleccións lexislativas en Colombia do vindeiro 8 de marzo. O lalinense compartiu con La Voz o seu orgullo polo nomeamento, un «privilexio que dá idea do papel das institucións europeas». «Que unha democracia consolidada como a colombiana confíe para a observación do seu proceso na UE dá idea das boas relacións que existen», declarou.

A parlamentaria do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, tamén formará parte da expedición de 12 eurodeputados que viaxarán do 6 ao 10 de marzo por Bogotá, Cundinamarca, Cali e Medellín para garantir un proceso electoral transparente. É a segunda vez de Miranda observando os comicios colombianos, despois do seu traballo no ano 2022. A misión do Parlamento Europeo encargarase de vixiar a apertura e peche das mesas, o proceso de votación e o escrutinio en varios distritos electorais. Ademais, reuniranse con autoridades, representantes da sociedade civil e outros actores implicados no proceso.

O Parlamento Europeo fai de observador imparcial en múltiples procesos electorais ao redor do mundo. Neste ano 2026, a Eurocámara xa mandou unha misión aos comicios xenerais de Bangladesh. Ademais, nos últimos 3 anos ten vixiadas as eleccións xerais do Paraguai, Guatemala e Ecuador, así como a segunda ronda dos comicios presidenciais ecuatorianos. Estas accións amosan a diplomacia parlamentaria europea e o seu compromiso coa transparencia electoral.