O conselleiro López Campos anunciouno este mércores no Parlamento, onde o BNG respondeu «que só lle falta renunciar ás competencias en política lingüística»
11 feb 2026 . Actualizado a las 16:39 h.Durante a súa comparecencia no Parlamento de Galicia, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou este mércores que a Xunta ofrecerá este ano 1.750 novas prazas para preparar o certificado Celga de lingua galega nos diferentes niveis que existen. O Diario Oficial de Galicia (DOG) xa recolle a convocatoria, composta por 14 cursos presenciais e 36 en liña aos que poden acceder calquera persoa maior de 16 anos que desexe mellorar o seu dominio do galego e acreditar as súas competencias nos Celga 2, 3 e 4, correspondentes aos niveis B1, B2 e C1 da escala europea.
O obxectivo, defendeu López Campos, é que «cada vez máis persoas, dende calquera lugar do mundo, poidan aprender e certificar as súas competencias na lingua» e incidiu na importancia de brindarlle á cidadanía, tamén aos non nados en Galicia, «oportunidades para estudar, examinarse e aprender» o idioma propio da comunidade.
Este anunciou chegou en resposta a unha pregunta formulada polo grupo parlamentario do BNG sobre a política de normalización lingüística da Xunta. López Campos defendeu as medidas tomadas polo seu departamento para promover o uso do galego entre as persoas chegadas de fóra e as propostas para dinamizar a lingua na sanidade, a xustiza ou a administración. Tamén lembrou o aumento, «dun 18 % en dous anos», do orzamento destinado a políticas lingüísticas, que contrapuxo coa «confrontación absoluta» dos nacionalistas, que ao seu xuízo intentaron «boicotear» a primeira reunión para promover o Pacto pola Lingua.
Pola súa banda, a deputada nacionalista Mercedes Queixas pediulle ao conselleiro que se posicione e decida «se vai seguir patrocinando a política lingüística de Rueda ou vai estar coa sociedade galega». Queixas afeoulle que leve «15 meses escondido detrás das reunións dos grupos de traballo, ignorando os informes de diferentes asociacións e negando a emerxencia lingüística. «Só lle faltaría renunciar ás competencias en política lingüística como xa fixo coas de patrimonio», espetoulle, en relación á delegación de certos permisos de Patrimonio aos concellos que se puxo en marcha en xaneiro.