Con ilustracións de Miguelanxo Prado, seis catedráticos perfilarán durante este ano persoeiros destacados, desde as artes ata a educación ou a ciencia
03 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.La Voz de Galicia cumpre este domingo 144 anos de historia, 144 anos de servizo ao país, 144 anos nos que recolleu nas súas páxinas o traballo máis destacado de persoeiros da política, da cultura, da educación e da investigación. Agora, para conmemorar esta efeméride, La Voz de Galicia inicia un proxecto editorial para reflectir, semana a semana, os perfís dos galegos máis relevantes da historia, coa axuda de destacados catedráticos das universidades.
A mediados do ano pasado, La Voz acudiu a expertos en historia de Galicia para solicitarlles unha relación de nomes salientables —coa única condición de que non estivesen vivos— cos que facer unha ampla escolma que servise como fío condutor destes 144 anos e axudase a entender mellor o pasado de Galicia. O resultado desa petición foi unha relación de homes e mulleres que, dun ou doutro xeito, deixaron pegada na súa época. Tras unha selección coa participación da Dirección de La Voz, eses nomes aparecerán cada domingo nun amplo perfil asinado polos devanditos profesionais e ilustrado sempre por Miguelanxo Prado, premio nacional de cómic e un dos artistas gráficos máis destacados de Europa.
Eses perfís, máis de medio cento, arrancan este domingo con Rosalía de Castro, con texto de Ramón Villares, catedrático de Historia Contemporánea na USC, exreitor desa mesma universidade, expresidente do Consello da Cultura Galega e referente indiscutible da historiografía galega. Nesta iniciativa participa tamén Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea na USC e director de Histagra, especialista en historia agraria e do século XX. Tamén asina Xosé M. Núñez Seixas, catedrático de Historia Contemporánea na USC e na Universidade de Múnic, premio nacional de ensaio, e experto en nacionalismos e migracións.
Ofelia Rey Castelao, catedrática de Historia Moderna na USC e premio nacional de historia, destacada polas súas investigacións sobre as mulleres e a sociedade, escribe igualmente para esta iniciativa. Outro dos autores é José Miguel Andrade Cernadas, catedrático de Historia Medieval na USC e especialista nas peregrinacións medievais. E como sexta firma especialista está María López Díaz, catedrática de Historia Moderna na Universidade de Vigo, experta na historia política e as institucións do Antigo Réxime.
La Voz quere, deste xeito, contribuír á formación dos seus lectores cun proxecto ambicioso, aberto ao debate, con firmas de prestixio que cada semana, durante os vindeiros meses, axudarán con esta serie a coñecer mellor persoeiros relevantes da historia, coas súas contribucións á política, as artes, a investigación, a ciencia, a educación ou a innovación. Máis de medio cento de galegos, coas súas luces e sombras, sen os que é imposible entender este país.