Besteiro felicita o Nadal cunha chamada á política útil: «O meu compromiso segue como o primeiro día»
GALICIA
O secretario xeral dos socialistas galegos trata temas como os incendios do verán, as esperas na sanidade, os problemas de acceso á vivenda ou a falta de reforzos no ensino
24 dic 2025 . Actualizado a las 14:26 h.Os socialistas galegos comezan a súa habitual mensaxe de Nadal poñendo o foco nos incendios deste verán, que arrasaron máis de 170.000 hectáreas e castigaron especialmente as provincias de Ourense e Lugo. Tras cinco segundos de imaxes en chamas, aparece o seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, que reafirma a intensidade dun ano que está a piques de rematar: «O 2025 deixou pegada nas nosas vidas, desas pegadas que quedan gravadas na nosa memoria».
Na peza audiovisual, Besteiro fai balance dun ano marcado polas dificultades cotiás, a incerteza e a necesidade de volver situar as persoas no centro da política. Durante dous minutos, afonda nos problemas do día a día dos galegos: as esperas na sanidade pública, o acceso á vivenda, a falta de reforzos no ensino, a preocupación da xente nova polo seu futuro ou os incendios aos que se tivo que facer fronte este verán.
No vídeo, Besteiro contrapón ese ruído [«de quen leva anos gobernando sen escoitar»] coa voz da xente, coa dignidade de quen resiste, empurra e sostén o país mesmo nos momentos máis difíciles. Unha mensaxe na que reivindica a escoita como punto de partida e a política útil como ferramenta para dar respostas.
«Agora toca mirar ao 2026 con máis cabeza, con máis corazón e con máis razón. E coa mesma idea de sempre: escoitar, compartir, acompañar e gobernar», expresa Besteiro para o próximo ano. Xusto nese momento, o secretario xeral dos socialistas galegos recibe unha chamada da súa nai, que o está agardando para cear: «Moncho? Ti non paras. Xa sei... Galicia. Pero no Nadal o compromiso tamén é con nós». Ao que Besteiro lle contesta: «O meu compromiso segue como o primeiro día».
Unha mensaxe que, segundo afirman dende o PSdeG, reforza que o compromiso político nace de valores persoais, da educación recibida e da responsabilidade coa sociedade á que se serve.