A Xunta declara ben de interese cultural a música e o baile tradicional galego
GALICIA
O goberno galego promoverá medidas para garantir a súa transmisión xeracional e recoñece o protagonismo das mulleres na práctica e transmisión do folclore
22 dic 2025 . Actualizado a las 20:29 h.Sete anos despois de iniciar o proceso, a música e o baile tradicionais galegos serán ao fin ben de interese cultural (BIC) e, deste xeito, poñeranse en marcha medidas para garantir a súa pervivencia de cara ao futuro. A declaración como BIC, que outorga a estas artes o nivel máis elevado de protección patrimonial, aprobouna este luns o Consello da Xunta. E o obxectivo, segundo explicou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, é incrementar a protección do «inmenso valor inmaterial» que ten o folclore galego, «unha herdanza histórica que se transmite de xeración en xeración».
Esta declaración, que se fará efectiva nos vindeiros días coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), conta cos informes favorables de varias comunidades e entidades, e tamén do Museo do Pobo Galego e do Museo Etnolóxico de Ribadavia. E con ela, o Goberno impulsará unha serie de accións para que as vindeiras xeracións manteñan viva a herdanza cultural e o legado da música e do baile tradicionais. Con ese propósito como pano de fondo, Calvo anunciou que as iniciativas encamiñadas a promover ambas as dúas disciplinas xirarán sobre tres eixos: a investigación, o ensino e a transmisión xeracional, e a protección, conservación e revitalización destas artes.
«Son medidas de salvagarda para garantir que as vindeiras xeracións manteñan o senlleiro legado patrimonial inmaterial contido na música e no baile tradicionais», defendeu a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude nun comunicado enviado tras anunciar publicamente o expediente, que tamén recoñece o traballo de transmisión e difusión que se fai «dende o tecido asociativo», nas escolas ou nas foliadas que se celebran por todo o territorio galego. «As agrupacións folclóricas fixeron un labor de documentación, transmisión e difusión de valor inestimable para Galicia, o que lles outorga un valemento para seren consideradas unha manifestación cultural máis da música e do baile tradicionais de Galicia, pertencente ás artes do espectáculo», subliñou.
A Xunta, que considerou necesario incluír na declaración tanto a música como o baile —por ser «inseparable» dela— márcase ademais o obxectivo de crear un arquivo audiovisual «público na rede, gratuíto e de libre acceso» que recolla materiais relacionados coa música e os bailes tradicionais do país. Co gallo de garantir que existe un rexistro dixital do folclore, tamén se posibilitará que os organismos e Administracións públicas asinen convenios con fundacións, asociacións ou padroados para favorecer a creación dese arquivo. Ademais, tratarase de propiciar que as universidades galegas impulsen a investigación neste eido.
Recoñecemento ás mulleres
Para promover o coñecemento sobre estas artes no eido educativo, o Executivo autonómico solicitará a colaboración dos docentes para elaborar materiais didácticos cos que o alumnado poida descubrir máis a fondo estas artes; e tamén cooperará coas asociacións de nais e pais para organizar actividades extraescolares relacionadas co folclore.
Segundo incidiu Diego Calvo ao termo do Consello da Xunta, a declaración pretende tamén recoñecer o «gran protagonismo que teñen as mulleres» na posta en práctica e na transmisión do folclore, como «as principais custodias dunha parte senlleira da memoria colectiva galega, capaces de conectar e reintegrar a tradición centenaria do pasado rural campesiño co presente urbano».
Calvo salientou, de feito, o papel das pandeireteiras, das portadoras —mulleres que transmiten coñecementos, técnicas e métodos para mellorar a práctica destas artes— e das cantareiras. Precisamente, sete pandeireteiras foron as homenaxeadas este ano no Día das Letras, que a Real Academia Galega acordou dedicar á poesía popular oral salientando o papel das mulleres na creación e na preservación da cultura.
Con esta declaración, a Consellería de Cultura finaliza un proceso iniciado en novembro do 2024, avalado polos expertos, que recoñece «a fonda pegada no pasado e no presente de Galicia» da práctica tradicional do baile e da música, e toda a súa dimensión histórica e social. No 2018, o Goberno galego xa iniciara o expediente para declarar a música e o baile tradicionais como BIC, pero acabou paralizando o proceso porque o sector cultural reclamaba que se precisasen determinadas cuestións antes de ser aprobado oficialmente.
Agora, a música e o baile tradicionais galegos convértense no ben de interese cultural número 794 do país. E para garantir que as medidas non caen nun saco roto, a Xunta elaborará, dentro de nove anos, un estudo para avaliar o estado da declaración e do impacto que exerceu sobre a música e o baile tradicionais as medidas de protección que agora se aproban.